Bonos consumo Vilalba

Os queixos San Simón da Costa de Daniberto, Casleiras e Don Crisanto, destacados na XX Cata dos Queixos de Galicia

Daniberto logran a distinción de ouro na XX Cata dos Queixos de Galicia da DOP San Simón da Costa onde Casleiras e Don Crisanto completan o podio da prata e o bronce.

Pola súa banda, Prestas lograba o quinto posto na categoría de queixo de tetilla das catas deste 2017 das que se entregaban os premios este martes en Vilalba onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu o compromiso co sector agroalimentario, por medio do Plan de promoción da calidade agroalimentaria 2020 para que o sector siga medrando e consolidar Galicia como sinónimo de calidade. “Unha iniciativa que, dotada con máis de 34 millóns de euros, nace co convencemento de que en Galicia a calidade é a clave da nosa produción agroalimentaria” aseverou.

Ademais de impulsar, a través das denominacións de orixe e indicacións xeográficas, o crecemento dun sector fundamental para o desenvolvemento do rural, Feijóo afirmou que este plan ten en conta a necesidade de loitar contra a competencia desleal, facendo especial fincapé na importancia da correcta identificación dos produtos.

Durante a entrega de premios das Catas de Galicia 2017: XX Cata dos Queixos de Galicia e XVI Cata dos Meles de Galicia, Feijóo precisou que esta estratexia inclúe, tamén, o desenvolvemento de liñas de apoio aos operadores agroalimentarios e aos órganos de xestión das denominacións para impulsar e financiar as súas actividades; accións encamiñadas a identificar novas denominacións e indicacións xeográficas; e a promoción e posta en valor das producións alimentarias de carácter artesanal. “Todo isto complementarase coa posta en marcha da Axencia Galega da Calidade Alimentaria Agacal”, dixo, encamiñada a dar apoio tecnolóxico e formativo ao sector.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico aseverou que as 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario, ás que habería que engadir as producións ecolóxicas certificadas na Comunidade, poñen de manifesto a boa saúde do sector. E, neste mesmo senso, incidiu en que o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona supón unha oportunidade económica, fixa poboación e consolida a agricultura e a agroindustria como sectores de futuro. “Basta mirar as cifras destas denominacións de calidade: cun valor total da produción certificada superior a 400 millóns de euros; con 23.000 produtores en activo implicados; e con preto de 1.000 industrias”, precisou.

Feijóo concluíu aseverando que as 16 edicións da cata de meles e as 20 edicións da cata de queixos certifican o bo facer do sector baseado: na responsabilidade, ao respectar o que Galicia é e o que ten; na honestidade, ao traballar por manter os niveis de calidade; e na oportunidade, ao contribuír a consolidar un sector económico de futuro.

Etiquetas