Skip to main content
Actualidade

Unións Agrarias pide á Xunta que non reteña o pago da PAC aos produtores

Por 16 Decembro, 2017Sin comentarios

O sindicato Unións Agrarias pide a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez que faga entrega xa dos case 100 millóns de euros que ten pendentes aínda das axudas da PAC aos produtores galegos, a pesar de contar coa autorización da oficina comunitaria desde o pasado 1 de decembro.

Desde UUAA non se entende que nunha situación de crise como a actual na que as catástrofes climáticas, a caída de prezos en orixe ou as perdas dos incendios, teñen contra as cordas ao medio rural de Galicia, a Xunta teña aínda sen librar uns cartos que aportarían certa liquidez ao sector primario.

Os fondos da Unión Europea para Galicia ascenden a mais de 210 millóns euros, entre axudas directas, fondos para desenvolvemento rural e axudas excepcionais para os produtores de leite. Neste momento desde o Goberno galego non se pon de acordo na cantidade que ten pagado posto dependendo quen faga o anuncio a cantidade vai de 46 a 90 millóns de euros.

A libranza destes fondos deber ser áxil para que moitas familias do rural saian adiante a pesar de que teñen perdido en moitas ocasións a totalidade da colleita en sectores como a viticultura ou a castaña ou viron moi reducida a produción de pastos ou forraxes no gando de carne pola seca e as xeadas. Os produtores galegos, a pesar de ter solicitado de xeito desesperado as axudas directas que permite a lei, téñense atopado cunha total cerrazón por parte de Medio Rural que prefire negar a evidencia e seguir cunha política de propaganda no canto de afrontar a problemática dun gran número de sectores que está a atravesar dificultades.

Unha situación que se ve agravada polos retrasos inxustificados que se están producindo con casos sangrantes de algún gandeiro ao que se lle adebedan xa dúas anualidades. Ao que hai que sumar a campaña indiscriminada de requerementos fiscais que se está ditando contra as explotacións gandeiras galegas. Esta acción sen precedentes, vai dirixida a tódolos produtores que fixeran cesións de dereitos do pago único da PAC, a pesar de que estas accións no tiveran carácter económico ao non existir transvase de diñeiro.

Finalmente desde UUAA destácase a total falta de atención para escoitar e diálogo por parte da Consellería cos representantes dos produtores, nin se convocou a Mesa do Leite nin o Comité de expertos do Plan Lácteo- igual que ocorre en sectores como o a viticultura, castaña, etc – nunha especie de negación continua dunha realidade que ten a economía do rural no bordo do desastre.