Skip to main content
Actualidade

CC.00. alerta de que convocará unha folga en Renfe se non se cobren as prazas vacantes

Por 16 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O sector ferroviario de CCOO de Galicia advirte da convocatoria de folgas en Renfe se a compañía non convoca máis prazas de interventor. O sindicato denuncia que, a día de hoxe, só están cubertas tres das vinte e cinco prazas necesarias para atender todos os servizos ferroviarios na comunidade. CCOO presentou a solicitude de reunión da comisión de conflitos laborais —ao abeiro do convenio— como intento de solución previa ante o anuncio dun conflito. Terá lugar en Madrid mañá mércores e, de non se chegar a un acordo para a cobertura das prazas en Galicia, «o conflito está asegurado».

Segundo explica CC.OO., no último concurso de ascensos para esta categoría profesional, cubríronse só tres vacantes, malia que había dezaoito aprobados e a propia Renfe recoñeceu nas diversas reunións dos comités provinciais que se precisan ao redor de 25. CCOO denuncia a «discriminación» de Galicia respecto doutras zonas do Estado, onde se cubriron moitas máis prazas.

Segundo o sindicato, o ano pasado circularon en Galicia sen interventor 4.500 trens de servizo público ou media distancia, así como 8.000 trens da rede de ancho métrico (antiga Feve), o que supón deixar de ingresar máis de 300.000 euros anuais. CCOO prevé que a cifra aumente a medida que non se cubran as vacantes orixinadas polas próximas xubilacións, pois máis de 60 000 persoas ao ano viaxan en Galicia sen título de transporte.

O sector ferroviario de CCOO alerta doutro prexuízo que ocasiona esta práctica: este tipo de viaxeiros non computa para os efectos das estatísticas de ocupación dos trens, nin no paso polas estacións, o que contribúe a futuros recortes dos servizos e ao peche de estacións polo suposto descenso da ocupación.

A problemática afecta sobre todo a algunhas liñas convencionais nas que se dá un especial abandono e falta de atención por parte de Renfe: A Coruña-Ferrol, Santiago-Vigo ou A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense, onde é «moi habitual» a circulación de trens sen interventor e onde, precisamente, se fan máis paradas intermedias nas que non hai venda presencial. Canto aos servizos comerciais ou longa distancia, a empresa está propondo a redución de cargas de traballo en Galicia —pola falta de interventores— a favor doutras comunidades como Madrid.
Alén da perda de ingresos e de servizos, esta situación afecta a seguridade, tanto dentro do tren durante a viaxe como ante incidencias na circulación, na posible aplicación dos plans de emerxencia en túneles ou nas subidas e baixadas do tren. Tamén prexudica pola falta de información e atención ás persoas usuarias durante o traxecto.