Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Os frescos das igrexas dos Vilares e Labrada serán restaurados

Por 19 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Parlamento Galego aprobou finalmente a proposta do BNG, debatida nos últimos tempos co PP, para a avaliar o estudo técnico para estudar o estado de conservación dos frescos situados nas igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada (Guitiriz) e as medidas a adoptar para frear o seu deterioro e garantir a súa conservación.

Ademais aprobouse a necesidade de abrir un espazo de diálogo co Arzobispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas.

Esta iniciativa levouse a cabo debido ao avanzado estado de deterioro no que se atopan as pinturas-mural, polo que urxen acometer as actuacións de restauración e conservación para salvagardar estes bens de gran valor artístico e patrimonial. Neste acordo tivo moito que ver o traballo desenvolvido pola Asociación Sociocultural Lareira de Soños e polos cregos e veciños dos Vilares e Labrada, que levan anos solicitando esta actuación.

Tras moita discusión e coa enmenda do PP queda aprobada esta actuación para defender estes frescos do século XVI, que foron descubertos en 1992 e de cuia restauración se leva a falar dende entón. Na igrexa de Labrada son cinco pezas que recollen na parte esquerda da entrada, tres escenas dos evanxeos: a lamentación de Cristo Morto, a imposición da calulla a Santo Ildefonso e o Santiago Matamouros; xunto con outras dúas, localizadas na parte dereita da igrexa, que representan ornamentos xeométricos e un fragmento dunha escena de paisaxe. Segundo o estudo realizado por Monterroso Montero datarían do século XVI, entre 1530 e 1540, e atribúenselle ao Mestre de Parga.

Por outra banda, o deputado Provincial do BNG Xosé Ferreiro anunciou que presentará unhas preguntas dirixidas ao goberno da Deputación de Lugo para aclarar cales foron os trámites feitos dende o organismo provincial para acometer a recuperación e rehabilitación dos frescos da igrexa de Labrada. Ferreiro lembrou que decembro de 2014 a actual alcaldesa, daquela deputada con responsabilidades en materia de artesanía, reuniuse coa veciñanza e colectivos para anunciar que a Deputación recuperaría o conxunto histórico artístico da igrexa de Labrada e as pinturas murais. Ademais o BNG tamén reclama a intervención da Xunta na mesma liña que acaba de anunciar investimentos na igrexa de Vilar de donas en Palas de Rei “non pode ser que o goberno Feijoo unicamente invista cartos naqueles concellos nos que goberna o PP” afirmou Ferreiro.