Skip to main content
ActualidadeGuitirizSociedade

Trotabosques organiza unha actividade para o domingo 28

Por 24 Xaneiro, 2018Sin comentarios

As familias Trotabosques da asociación Nenea, medrar creando, xuntaranse o domingo 28 para camiñar e xogar nos bosques a carón do río Parga, recorrendo un pequeno tramo da etapa 31 do Camiño Norte de Santiago entre os concellos de Baamonde e Guitiriz. Gozarán da natureza e da harmonía que con ela ten o patrimonio arquitectónico gótico da capela de San Alberte en San Breixo e da ponte sobre o río.

Os Trotabosques son familias con nenos e nenas dende os 0 ós 12 anos que se xuntan para gozar dunha xornada en contacto directo coa natureza, facilitando e permitindo o xogo libre e espontáneo da infancia nun espazo natural con multitude de estímulos e posibilidades de descubrimento. Non lles mete medo a climatoloxía, pois agradecen á choiva e ó frío a paisaxe que ofrece a nosa provincia e celebran que gran parte do noso territorio sexa Reserva da Biosfera.

Os Trotabosques reúnense os cuartos domingos do mes, entre as 10:00 e as 18:00 horas, con horario flexible en función da ruta proposta pola familia organizadora e as horas de luz. Calquera familia pode ser Trotabosques, para o que é preciso asociarse en Nenea, medrar creando, xa que o Seguro de RC e Accidentes que a asociación ten contratado cubre as posibles incidencias. Ademais, as familias ou persoas socias de Nenea benefícianse de cotas reducidas e preferencia na adxudicación de prazas en función da categoría escollida noutras actividades, como son o Espazo Comunitario de Aprendizaxe Activa, os Campamentos en datas non lectivas ou as diferentes formacións que periodicamente programa a asociación.

Quen desexe coñecer máis a fondo esta iniciativa pode contactar no enderezo electrónico trotabosques@nenea.es ou por whastapp no teléfono 604.026.009 e participar como invitados nesta xornada.

Toda a información desta e outras iniciativas desta asociación están publicadas na páxina de facebook de Nenea, medrar creando.