Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Aira presenta o primeiro balance tras a súa fusión con Agris

Por 4 Febreiro, 2018Sin comentarios

O Consello Reitor e directivos de Aira, á que pertence a cooperativa chairega Agris, organizaron un acto público nas instalacións da cooperativa en Taboada (Lugo) para presentar os resultados económicos e sociais acadados nos últimos meses así como as perspectivas de futuro e o Plan de Negocio previsto para 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez quixeron amosar o seu apoio a esta iniciativa de intercooperación entre cooperativas mediante a súa presenza e verbas de apoio e alento, ao igual que os alcaldes das localidades onde Aira conta actualmente con centros de traballo.

O programa daba comezo cunha visita guiada pola fábrica que a cooperativa posúe en Taboada, ao carón das instalación centrais. Feijóo e Vázquez tiveron ocasión de comprobar o proceso de fabricación dos pensos que alcanzaron as 160.000 toneladas en 2017.

O presidente de Aira, o polense José Manuel Tellado, manifestou que a entidade “é un vello soño do cooperativismo gandeiro que se fixo realidade”. Lembrou que chegar ao que hoxe é a cooperativa “non foi doado, nin froito da improvisación e foron precisas ducias de reunións previas”.

Tellado expresou o seu orgullo como “presidente, socio, gandeiro e compañeiro de traballo por ser unha cooperativa ao servizo dos socios” e recordou: “Somos unha cooperativa procedente da colaboración de moitas cooperativas máis pequenas e por tanto, aberta a colaborar con máis na procura do mellor para os gandeiros socios”.

Daniel Ferreiro, director de Aira, expuxo as magnitudes e fixo un balance dos resultados tan positivos acadados ata o momento. Despois da fusión coas cooperativas Agris, Cogasar, Coelplan e Icos, en xullo de 2017, e tomando o 1 de xaneiro de 2018 como a data de partida da integración efectiva, o Plan de Negocio previsto estimábase en algo máis dos 93 millóns de euros aínda que os datos finais reflectiron un incremento superior aos 96 millóns de euros.

“Dentro do Plan de Negocio que se deseñara, cumpríronse amplamente os obxectivos”, manifestou Ferreiro, quen tamén avanzou que o investimento previsto para 2018 é de 3,5 millóns de euros.

Destacou tamén os tres eixos que fundamentan a estratexia de Aira: garantir a sustentabilidade, valorizar a produción dos socios e impulsar a comercialización. Neste senso, xa traballadas as melloras nos custos produtivos, destacou un novo salto estratéxico, apoiado na especialización e nas sinerxías: “A valorización da produción das explotacións dos socios, orientándoa á transformación e comercialización”.

O director de Aira insistiu en que “é un proxecto aberto á intercooperación cooperativa”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo pechou o acto amosando a súa confianza e apoio institucional a esta iniciativa integradora, lembrando que “as cifras non son opinables”, en referencia ás magnitudes económicas presentadas e que “cando os galegos se poñen de acordo, poden facer cousas moi importantes”.

O principal reto, segundo Feijóo, é “seguir producindo con calidade e sustentabilidade, achegando valor engadido e transformando a produción sen ter que salir Galicia”.

Asegurou tamén que se vai apostando polo sector agroalimentario con “toda a intensidade que a normativa europea nos permita, xa que este sector fixa poboación e pon en valor a despensa dun país”.

Rematou insistindo nas posibilidades que o medio ofrece aos mozos galegos lembrando que nos tres últimos anos se incorporaron unha media de 500 mozos e mozas ao agro galego.

Aira

O 30 de xuño de 2017 tiña lugar un relevante proceso de fusión entre catro cooperativas: Agris, Cogasar, Coelplan e Icos e Aira, cooperativa de segundo grao. Deixando un prazo de seis meses para consolidar o proceso, márcase o 1 de xaneiro como data de inicio da actividade da nova Aira, xa constituída como unha cooperativa de primeiro grao.

O obxectivo fundamental é valorizar a produción dos socios a través da integración comercial e industrial láctea, impulsando a comercialización e transformación da produción dos socios mediante a diferenciación e o valor engadido.

A base social é o eixo fundamental. Aira comprométese a reforzar a súa sensación de pertenza e propiedade da cooperativa dende a proximidade.

A sustentabilidade baséase no aproveitamento das sinerxías, na optimización dos recursos e na sucesiva mellora na eficiencia a nivel social, comercial e financeiro.

Datos

  • Máis de 2.500 agricultores e gandeiros. 
  • Máis de 225 empregados
  • 14 centros de traballo.
  • 14 tendas agrarias. Facturaron máis de 8 millóns de euros.
  • Leite:

Explotacións: 1.100 explotacións.

Produción (leite): máis de 310 millóns de l/ano.

  • Pensos:

Fabricación: 200.000 toneladas de pensos e mesturas

Explotacións: distribúense entre máis de 2.100 explotacións.

  • Cifra de Negocio: superior aos 96,5 millóns de euros.

Plan de Negocio

O Plan de Negocio prevé —para os tres primeiros anos— un incremento, na cifra de negocio, superior ao 10% cun investimento de 3,5  millóns de euros  en 2018.

Actividades

As principais actividades desenvolvidas polas cooperativas están vinculadas aos subsectores gandeiros de leite e carne; ás subministracións; aos servizos de veterinaria, maquinaria, loxística, carburantes, comercialización, asesoramento etc.