Skip to main content
Actualidade

O Centro Cultural de Bazar convoca un concurso literario

Por 5 Febreiro, 2018Sin comentarios

Con motivo do cincuentenario do Teleclub-Centro Cultural de Bazar (Castro de Rei) e o centenario da igrexa parroquial, o Centro cultural Ignacio Rey-Stolle convoca o concurso “Hoxe e mañán”, como homenaxe e lembranza aos certames literarios que este centro ten convocado e ao seu periódico “Onte, hoxe, mañá”. Esta convocatoria está patrocinada pola Fundación Blas da Ponte de Outeiro.

Para participar neste concurso haberá que presentar traballos en prosa, en galego, de calquera xénero: creación literaria, ensaio, historia… inéditos, de extensión libre, que aborden temas relacionados con Bazar, a súa historia, a vida na parroquia, o papel do centro cultural… que sirvan para mellor coñecer a terra, a vida e as xentes de Bazar.

Os traballos, faranse chegar ao Centro Cultural Ignacio Rey Stolle, persoalmente, por correo, ou por correo electrónico a certamebazar@galiciadigital.com. A extensión dos traballos será libre. Quen entregue o traballo de xeito físico deberá acompañar tamén o texto en versión dixital, cunha fotografía e datos do autor ou autora.

Os traballos han ser recibidos antes do 15 de marzo de 2018, sendo publicados na Plataforma dixital indicada antes do 31 de marzo do presente ano.

Un xurado designado ao efecto, formado por directivos da entidade convocante e patrocinadora, do concello de Castro de Rei e do mundo lucense da cultura, concederá os seguintes premios.

  • Un primeiro premio, dotado con 500€ e trofeo, para o traballo que se considere máis relevante entre os presentados.
  • Un segundo premio de 250€ e trofeo para o traballo que se considere lle segue en méritos ao que obtivese o primeiro premio.
  • Un premio especial dotado con 250€ e trofeo para o mellor traballo do que sexa autor un estudante do Concello de Castro de Rei.

Así mesmo, o xurado poderá conceder os accésits ou mencións de honra, dotados con trofeo, que estime convenientes.

O fallo do xurado darase a coñecer no decurso do mes de abril de 2018.