Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG, preocupado polos datos de decembro do sector lácteo

Por 6 Febreiro, 2018Sin comentarios

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego manifestou a súa fonda preocupación polos últimos datos sobre o sector publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), correspondentes a decembro de 2017, que reflicten o estancamento duns prezos que, na Galiza, seguen a ser os peores do Estado xunto cos de Baleares (32’2 céntimos por litro, 1 céntimo menos que a media estatal) e continúan a estar moi por baixo da media europea (37’76 céntimos). Indican que “estes datos de decembro serviron para constatar que o ano 2017 saldouse no sector lácteo galego co peche de 463 granxas ao pasar das 8.477 de xaneiro ás 8.014 de decembro. É moi posible que, a estas alturas, Galiza xa teña menos de 8.000 explotacións lácteas”.

Explican que “esta situación tan preocupante contrasta con ton triunfalista da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que non deixa de falar do ben que está o sector lácteo na Galiza alí onde vai, ao tempo que non move un dedo para tratar de reconducir a anomalía de que a Galiza non se beneficie da suba de prezos que se veu producindo en toda Europa ao longo de 2017”.

A semana pasada publicábase en Asturias -onde o prezo medio do leite en decembro foi de 35’4 céntimos- o decreto que exime da obriga de enterrar os xurros a máis do 90% do territorio do Principado. Na Galiza, os gandeiros seguen sen saber que pasará con esta cuestión e outras cruciais das que depende o seu futuro. “Cómpre saber que o decreto dos xurros, deseñado por persoal técnico nos despachos, non ten razón de ser, pois os estudos indican que as principais causantes da contaminación por amoníaco son as granxas intensivas de porcino (17’5%) e os abonos de síntese (o 20%). Pola contra, o sector do vacún só é responsable do 4’4% destas emisións, o que fai que a Cornixa Cantábrica, incluída Galiza, sexa unha das zonas menos contaminadas do Estado”, dicen.

“Dado que enterrar os xurros pode implicar un altísimo custe para o sector -inxectores mecánicos, tractores con máis potencia- e non vai resolver un problema do que as nosas granxas lácteas non son as causantes; e dado que ese decreto permite exencións como a de Asturias só en 2018, pero despois será de obrigado cumprimento; preguntámonos se a conselleira de Medio Rural ten intención de facer fronte común cos seus colegas da Cornixa para frear este despropósito que ameaza con socavar aínda máis a castigada economía das nosas granxas”, engaden.