Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

A Xunta destaca o labor de Conxelugo, en Rábade, empresa subvencionada pola Consellería do Mar

Por 9 Febreiro, 2018Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da empresa Conxelugo, sitas en Rábade, onde lembrou que a Consellería do Mar subvenciona ata o 50% das melloras que realicen as pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura e que fomenten a sustentabilidade ambiental.

Conxelugo é unha peme deste tipo, que conta con 14 empregados e naceu no 2014. Está ubicada no polígono industrial de Rábade e dedícase á fabricación, elaboración e transformación de produtos procedentes da pesca e acuicultura. Tamén se dedica ao comercio ao por maior destes produtos así como a súa distribución.

Alí a conselleira, que estivo acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tamén sinalou que a Xunta destina preto de 13 millóns de euros á convocatoria de 2018 destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Neste sentido, subliñou que a orde da convocatoria foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia e que está aberto o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo explicou Rosa Quintana, estas achegas teñen como obxectivo apoiar investimentos que realicen as pemes e que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente. Tamén aquelas accións que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as súas condicións de traballo e os investimentos que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros aspectos.

Ademais lembrou que das convocatorias de 2016 e 2017 desta orde de axudas beneficiáronse arredor de 80 pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de 12 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.