Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Abre o prazo para solicitar as axudas da PAC

Por 13 Febreiro, 2018Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da Política Agraria Común (PAC). Son un total de 190 millóns de euros para preto de 33.000 beneficiarios galegos, que terán ata o vindeiro 30 de abril para solicitar ditas achegas.

Entre as principais novidades que presenta esta convocatoria, cabe destacar que se establece unha nova definición para os pastos permanentes. Así, para as superficies de pastos arbustivos ou con arboredo, xa non é exixible a predominancia de cuberta de herba ou forraxes herbáceas, sempre e cando as especies arbustivas ou arbóreas sexan utilizadas na alimentación do gando. Por outra banda, no que respecta ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, destaca o incremento no número de concellos nos que os agricultores e gandeiros poderán beneficiarse da achega, pasando de 89 a 179.

Ao igual que na pasada convocatoria, mantense o período principal de cultivo, que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril para os agricultores con máis de 10 hectáreas de terras con obrigas de diversificación de plantacións. Estes mesmos agricultores vense favorecidos coa simplificación nas superficies de interese ecolóxico (SIE) cando a dita terra de cultivo supere as 15 ha, ademais dunha maior flexibilización nos requisitos de diversificación cando máis do 75% dos terreos estean cubertos por herba ou outras forraxes herbáceas ou por parcelas en barbeito.

Con respecto ao pago complementario para agricultores mozos, este increméntase do 25 ao 50% do importe do pago básico. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria.

A campaña de axudas da PAC en Galicia 2018 suporá un investimento de fondos europeos no rural galego de 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 gandeiros e agricultores. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo Agrícola de Garantía, Feaga) e das medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prazo de solicitudes

O prazo para presentar a solicitude única comeza hoxe e prolóngase ata o vindeiro 30 de abril, sendo obrigatorio facelo por vía electrónica e dirixida ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) a través do formulario que se pode atopar en https://sgapac.xunta.es.

Unha vez finalizado este prazo e ata o 31 de maio os solicitantes poderán presentar peticións de modificación mediante para eliminar, cambiar ou engadir réximes de pagamentos directos, medidas de desenvolvemento rural, parcelas individuais ou dereitos de pago individuais.

Campaña 2017

A campaña 2017 da PAC aínda está en marcha, dado que estas tempadas comezan o seu prazo ordinario de pagos o 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte. A día de hoxe o Fogga leva abonado un total de 159,8 millóns de euros (137,3 millóns en axudas directas; 7,4 millóns da axuda excepcional de adaptación ao sector produtor vacún de leite e 15,1 millóns en axudas ao desenvolvemento rural) a 26.000 beneficiarios, o que supón case un 15% máis respecto das axudas pagadas na mesma data na campaña pasada (129 millóns de euros). Os pagos pendentes, ata 170 millóns, aboaranse proximamente e sempre dentro do prazo que remata o 30 de xuño.

Pódese consultar a orde completa na seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180212/AnuncioG0426-010218-0001_gl.html