Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

En cincuenta mil palabras

Por 20 Febreiro, 2018Febreiro 22nd, 2018Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Non procede, normalmente, falar dun mesmo e nesta columna, agás algunha pequena referencia, non se adoita a facer. Mais esta vez, vanmo ter que permitir. A razón é a recente presentación da recopilación en formato libro dos cen primeiros artigos publicados en TerraCha.Xa por un servidor. Como escenario, a Escola de Idiomas de Lugo, á cal me atopo vinculado e á que cómpre o meu agradecemento por cederme un espazo para a actividade, que, modestia aparte, foi ben concorrida. O título, “En Cincuenta Mil Palabras”, fundamentando esa denominación na extensión dos artigos –cinco centas palabras cada un, aproximadamente-. Foi aló polo ano dous mil oito cando comezou a colaboración co xornal, animado polo profesor Benardo García Cendán, xa falecido, un dos personaxes emblemáticos da sociedade vilalvesa. O fundador e daquela director, Félix Jorquera, deume a benvida e conminoume a enviar os meus escritos. Así o fixen neses nove anos, puntualmente mes a mes, e así o sigo facendo, nunha columna chamada Coa Nosa Voz. Nese período de tempo asistimos á conmemoración do décimo aniversario de TerraCha.Xa; enorme motivo de celebración que un xornal destas características, con información moi local, cinguida ós concellos da bisbarra e en lingua galega, siga existindo. Unha etapa complexa, marcada por esa brutal crise económica que afectou ó conxunto da poboación, a uns máis cá outros, pero sufrida por todos en menor ou maior medida.

Son estes cen artigos recopilados en formato libro de diferente temática, pero sempre relacionando o que se escribe coa realidade máis próxima, desde unha óptica persoal, sen eludir a realidade e os problemas que nos atinxen. O envellecemento e o despoboamento, dous fenómenos negativos na Galicia Rural, así como outras amezas que foron, son e serán novas nos medios de comunicación, os prezos do leite e a enésima mobilización gandeira, os lumes forestais, de verán habitualmente e de calquera estación na actualidade. Ou como non, o peche de empresas coa conseguinte perda de emprego –o Balneario de Guitiriz é un bo exemplo-. Un dos obxectivos que un perseguía nesta colaboración era –e segue sendo- por en valor a riqueza patrimonial, cultural, arquitectónica e paisaxística da Terra Cha e a necesidade de conservala e potenciala como oportunidade de xeración de riqueza. As áreas recreativas, os nosos ríos, especialmente o Pai Miño, entornos peculiares, igrexas e capelas, restos arqueolóxicos ou o Camiño Norte de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade, que pasa polas nosas terras, son varios deses exemplos. Fortalezas tamén son iniciativas e propostas desenvolvidas por particulares e institucións, que demostran a existencia de inquedanzas para construír un futuro próspero. O belén electrónico de Begonte e o festival de Pardiñas, dous referentes chairegos para o resto de Galicia, no nadal o primeiro e no verán o segundo, con máis de trinta edicións cada un deles e con rotundo éxito ano tras ano. Expectativas está a crear o aeródromo de Rozas e o traballo entorno ós drons, que poden ter un grande utilidade en diversos ámbitos, unha oportunidade de emprego para a zona que agardemos poda consolidarse. Outras moitas que aparecen en varios dos artigos son realidades esperanzadoras, como o lago artificial nas Pontes de 856 hectáreas que cubriu de auga ese oco que durante décadas subministrou material para a central térmica. Desde o seu recheo, convertiuse nun espazo de ocio e lecer para veciños e visitantes.

Non se esqueceu este humilde articulista de referirse a persoeiros con pegada, máis ou menos coñecidos, con maior ou menor proxección, tales como o sinalado Bernardo, Chao Rego –tamén falecido-, Manuel María ou Díaz Castro, escritores estes dous últimos ós que lle dedicou sendos días das Letras Galegas, así como a outros que, aínda non sendo nativos, foron quen de reflectir causas comúns ó conxunto dos galegos. Incluso, nalgún artigo un tivo o atrevemento a esbardallar sobre temas máis xenéricos, pero que nos afectan a todos, como a corrupción, os problemas das preferentes e ata do terrorismo islamita internacional. En definitiva, En Cincuenta Mil Palabras recopila eses cen primeiros artigos en TerraCha.Xa, un xornal noso que deberíamos protexer, coidar e potenciar, evitando a súa desparición.

Coma sempre, todo dependerá de nosoutros mesmos.