Skip to main content
Actualidade

O BNG de Castro de Rei solicita un recoñecemento público á figura de Anxo Lamas

Por 1 Marzo, 2018Sin comentarios

O BNG de Castro levará ao pleno municipal unha iniciativa para que se faga o debido recoñecemento público da figura e da obra de Anxo Lamas, poñéndolle o seu nome a un equipamento cultural ou espazo público de propiedade municipal. Ademais, a voceira municipal do BNG, proporá crear unha comisión con representantes dos grupos municipais e aberta á participación das entidades culturais e persoas interesadas, para debater e escoller o lugar e o espazo máis acaído a figura de Anxo Lamas.

Digna Lagarón lembrou que “a principios deste mes de febreiro deixounos Anxo Lamas Muinelo, natural e veciño de Bazar e un artista polifacético”. Anxo Lamas desenvolveu, ao longo da súa vida, unha intensa e brillante actividade artística, primeiro como escultor e pintor e, ultimamente, tamén como poeta. A súa obra é moi extensa e foi exposta e espallada polo mundo. Pola súa calidade humana e artística recibiu en vida moitos recoñecementos: Veciño de Honra de Bazar, Socio de Honra do Instituto de Estudos Chairegos – IESCHA, Baluro de Honra de Castro de Rei, as Mans de Irimia en Meira, a Navalla de Manuel María en Outeiro de Rei… entre outros.

Lagarón sinalou que “Anxo Lamas sempre acreditou na cultura galega, no idioma galego e no seu lugar de nacemento, Castro de Rei. Sempre exerceu de galego e chairego, transmitindo a través da súa obra mensaxes moi da nosa terra, pero tamén universais, como a defensa da natureza e da paz”. O BNG levará esta iniciativa ao pleno da corporación por que “o concello de Castro de Rei debe contribuír a que a obra e a figura de Anxo Lamas siga viva, impulsando iniciativas para poñela en valor e difundila, facendo un recoñecemento público e oficial deste insigne veciño do noso concello”.