Skip to main content
Actualidade

Fomento rexeita a solicitude socialista de arranxar a estrada N-VI

Por 12 Marzo, 2018Sin comentarios

Aconteceu coa N-540 e co conxunto de infraestruturas estatais na Mariña e agora coa N-VI. O Partido Popular en Madrid dende o Ministerio de Fomento vén de confirmar, oficialmente, que rexeita levar a cabo un plan integral de reparación, mellora e humanización desta estrada, non estando nas súas previsións, xa non este ano, senón no 2019. Mentres, na nosa provincia, o PP practica un dobre xogo, pois todos os seus representantes menten, tentan enganar e apoian as propostas do PSOE na Deputación ou nos Concellos, demandando estas necesarias actuacións aos seus propios compañeiros no Goberno Central, cando saben, perfectamente, porque así o teñen decidido e consensuado de antemán, que non as van a facer porque a provincia de Lugo os lucenses non contan para eles”.

Así o destacou a Deputada socialista por Lugo no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, tras recibir a resposta oficial de Fomento ás preguntas que formulou sobre a N-VI. Fíxoas tendo en conta os seguintes feitos:

1.- que xa en febreiro de 2017, o Congreso aprobou, sen apoio do PP, “sen enganos nas súas intencións”, a proposición non de lei do PSOE para mellorar o firme e a seguridade nesta estrada. O Partido Popular dende o Goberno Central incumpriuna.

2.- que, posteriormente, o Concello do Corgo aprobou, neste caso por unanimidade, “xa co voto enganoso dos representantes do Partido Popular neste municipio, que goberna”, a proposta da agrupación socialista no Corgo, instando a Fomento a elaborar un plan integral de seguridade e humanización na N-VI para a súa execución no 2018. O PP dende o Goberno Central tamén a incumpriu, pois nin tan sequera elaborou o proxecto que permitise a súa execución este ano.

3.- que en outubro de 2017, a Deputación de Lugo aprobou por unanimidade, “é dicir, tamén co voto enganoso de todos os representantes do Partido Popular no organismo provincial”, a moción do Grupo Provincial Socialista, demandando a Fomento a elaboración, á maior brevidade posible, dun plan integral de seguridade e humanización desta estrada ao seu paso por todos os Concellos da provincia (Guitiriz, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Lugo, O Corgo, Baralla, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) para a súa execución no 2019.

O PP dende o Goberno Central rexeita levar a cabo estas actuacións, tal e como se pode constatar na resposta oficial de Fomento á Deputada socialista por Lugo no Congreso, sendo a 3ª vez que o fai.

Pérez Herraiz formulou as seguintes preguntas: elaborará o Ministerio de Fomento un plan integral de seguridade e humanización da N-VI nos Concellos de Lugo?; realizará o Ministerio de Fomento as obras de mantemento necesarias na N-VI ao seu paso pola provincia de Lugo?; con que programación temporal?.

O PP dende o Goberno Central non ten intención algunha de mellorar esta estrada nin este ano nin no 2019, pois a resposta de Fomento apunta textualmente que a N-VI ten moi baixa intensidade de tráfico, non existen treitos de concentración de sinistros e presenta un estado de conservación axeitado. Fomento continuará atendendo a conservación ordinaria da N-VI en Lugo.

“É evidente que, mentres en Madrid o Partido Popular no Goberno Central manifesta abertamente que non ten plans para Lugo, na provincia practica un dobre xogo e todos os seus representantes menten descaradamente aos veciños, tentar enganar e votan nas institucións a favor de proxectos que saben perfectamente que non os van a facer porque así o teñen decido e consensuado todos de antemán, porque non queren facelos, porque Lugo e os lucenses non interesan ao PP. Aconteceu coa N-540. Todos fomos testemuñas de como se aprobaron as propostas que dende o PSOE fixemos a Fomento para o seu arranxo integral e como o Partido Popular, mentindo e tentando enganar, votaba a favor das mesmas, cando xa tiñan acordado non facelo. Logo pasou o mesmo coas infraestruturas da Mariña, que os populares non van a mellorar e executar, tal e como aseguran en Madrid, mentres en Lugo se comprometen coas mesmas publicamente e de cara aos veciños. E agora pasa e fan exactamente o mesmo coa N-VI”, explicou Pérez Herraiz.