Skip to main content
ActualidadeXermade

A xornada sobre cambio climático inclúe unha visita á Sotavento

Por 21 Marzo, 2018Sin comentarios

A Deputación de Lugo desenvolveu, coa colaboración do colectivo ecoloxista ADEGA, unha xornada sobre Clima e Enerxía, que xuntou varios expertos sobre cambio climático e sobre o sector enerxético galego. A xornada enmarcouse no programa de actos da Deputación sobre a Hora do Planeta, que convida a realizar un xesto simbólico mundial fronte o cambio climático apagando todas as luces, o vindeiro sábado 24 de marzo, de 20.30 ás 21.30 horas. O deputado provincial de Enerxía da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e Adela Figueroa, no nome de ADEGA, inauguraron esta xornada de divulgación e debate expoñendo a importancia de trasladar a cuestión enerxética e o impacto do cambio climático á reflexión pública.

As xornadas completaranse hoxe pola tarde cunha visita de balde á vivenda bioclimática experimental que a empresa eólica de Sotavento ten instalada no seu parque eólico de Xermade. Con tal fin, sairá un bus ás 16.00 horas diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

A conferencia inaugural foi pronunciada polo botánico, director do IBADER, e experto do Panel Científico Galego contra o Cambio Climático, Pablo Ramil Rego. Ramil amosou as alteracións que a mudanza climática, xunto cunha fallida política territorial, están a xerar tanto no clima como nos diferentes ecosistemas (costeiros, de montaña ou humidais) e nas diferentes especies de flora e fauna, incluídas as que son vulnerables ou en perigo de extinción. O experto indicou que sería necesario de forma acuciante ordenar o territorio, evitar colocar infraestruturas a carón do mar, frear a expansión das especies exóticas invasoras, ou apostar polas especies autóctonas.

Pola súa banda, o experto en contaminación atmosférica, Ramón Varela Díaz, achegou os primeiros datos desta xornada sobre a produción eléctrica e a demanda de enerxía de Galiza. Segundo o experto, Galiza produce o 12% da xeración eléctrica de todo o Estado e a maior parte do que produce vai á exportación cara a centros de consumo que están fóra do noso territorio. Porén, a contaminación derivada desa produción enerxética, baseada en combustibles fósiles, fica en Galiza, onde se sitúan algunhas das industrias do Estado con máis emisións de gases de efecto invernadoiro, e unha das 30 industrias máis contaminantes da UE: A Central Térmica das Pontes. Esta térmica é responsable do 50% das emisións de dióxido de carbono que se produce no Estado, o que equivale á emisión de CO2de 3 millóns de vehículos. Varela criticou o apoio institucional, a través de subvencións, ás industrias galegas que máis potencian o consumo de enerxías fósiles e que, por tanto, máis gases de efecto invernadorio (GEI) emiten e máis prexudican o medio ambiente e a saúde pública.

O profesor de Economía da Universidade de Santiago de Compostela e ex-director do INEGA, Xoán Ramón Doldán, abordou a relación global que existe entre a crise enerxética, a crise ecolóxica e a crise económica, que en conxunto derivan nunha inevitable crise da civilización. Doldán fixo fincapé na dependencia progresiva e a nivel mundial das fontes de enerxía fósiles, que en Galiza acada o 91%. A nivel de Estado, o 83% da enerxía consumida procede de fontes de enerxía fósil e só o 17%, de fontes renovables. Das enerxías fósiles, o consumo medio de petróleo en España é superior á media global. Malia a este preocupante contexto de dependencia enerxética, no que xa se sobordou o teito do petróleo, e no que xa están a minguar os investimentos en xacementos potenciais de petróleo non convencional, o Acordo de París sobre o cambio climático non concreta medidas de restrición de emisións de GEI nin tampouco obriga aos estados. Por tanto, “cada vez é máis plausible a posibilidade dun escenario de colapso do actual sistema económico, que afectará sobre todo aos territorios menos favorecidos, pero que acabará atinxindo a todo o planeta”, explicou Doldán. Ante este futurible escenario, cada vez máis próximo, estase a xerar unha crise da civilización que se verá obriga a repensar un novo modelo enerxético e procurar unha economía de transición ou de decrecemento.

SISTEMA ELÉCTRICO ACTUAL E CONTAMINACIÓN LUMÍNICA

Xa na sesión da tarde das xornadas, o investigador do departamento de Economía Aplicada da USC, Adrián Dios Vicente, tamén afondou na dependencia da sociedade galega da importación de enerxías primarias e esa dependencia non se reduciu nos últimos 15 anos. Segundo Dios Vicente, este é o resultado dunha pésima política enerxética, que reduce a Galiza a un centro de exportación de enerxía secundaria, cara aos grandes centros de consumo do Estado, que son Cataluña e, sobre todo, Madrid (esta última non produce enerxía). Desta forma, o modelo enerxético galego só funciona como panca de desenvolvemento enerxético doutros territorios, deixando como contrapartida fortes impactos ambientais e gastos enerxéticos en Galiza, ademais, paradoxalmente, dun pobre sistema de subministro de enerxía eléctrica. Engadiu que “as decisións políticas están a limitar as posibilidades de desenvolvemento do noso sector eléctrico,  nomeadamente do sector eólico, agora paralizado, cando hai sete anos competía con Dinamarca”.

As xornadas acolleron tamén o relatorio do presidente da cooperativa de enerxía verde Nosa Enerxía, quen explicou como realizar unha lectura correcta da factura eléctrica e cales son as vantaxes de asociarse a este tipo de cooperativas, que contribúen a que os cidadáns adquiran maior capacidade de decisión sobre o tipo de enerxía que consumen. A cuestión da contaminación luminosa e os seus impactos a nivel cultural, ambiental e no benestar, foi abordada polo Secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, quen ademais guiou un roteiro vespertino pola Muralla romana e o centro histórico de Lugo para comprobar sobre terreo o impacto ambiental das luminarias.