Skip to main content
Actualidade

A Fundación TIC impartirá 12 cursos de novas tecnoloxías para maiores na provincia

Por 11 Abril, 2018Sin comentarios

A Fundación TIC da Deputación incrementará nun 60% o número de cursos e obradoiros de novas tecnoloxías para maiores no segundo trimestre do ano, dos que 12 se impartirán na provincia de Lugo, segundo avanzou o presidente da Deputación, Darío Campos, durante a presentación da nova programación do InLugo, na que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O prazo de inscrición xa está aberto en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

Campos Conde subliñou que “como alcalde dun concello pequeno coñezo de primeira man a utilidade das novas tecnoloxías na vida cotiá dos maiores que residen no rural e as posibilidades que ofrece esta ferramenta nas súas relacións con familiares e amigos. Por iso, este trimestre imos facer un esforzo especial para retomar as actividades do InLugo na provincia. Nesta ocasión, serán 12 obradoiros, maioritariamente de Internet e de uso do móbil, que son os máis demandados. A nosa vontade é que, en función dos nosos recursos, cheguemos a toda a provincia en futuras edicións”.

Entre as novidades desta nova tempada, o presidente da TIC destacou o importante incremento de actividades. “Neste segundo trimestre haberá 81 cursos e obradoiros, con 1.085 prazas, fronte aos 51 cursos e 713 prazas da edición anterior, o que supón un incremento do 60%. Queremos dar resposta así á alta demanda que hai destas actividades. De feito, vemos como en cada edición as prazas se cobren nas primeiras horas de apertura de inscrición”.

Darío Campos dixo que tamén se atenden as demandas dos usuarios coa incorporación de novas materias, “como, por exemplo, un curso de Instagram, unha rede social que está moi de moda e na que os maiores poderán compartir as súas fotos, ou outro de Word que, por primeira vez, estará enfocado á Memoria Dixital, xa que os participantes escribirán as súas propias historias e anécdotas, que se engadirán a este banco de recordos”. Por outra banda, os cursos con máis demanda, os de móbil, Internet e tablet, ampliarán o número de horas. Deste xeito, os de móbil e Internet pararán a ser de 4 días, e do de tablet, de tres. Tamén se incrementará o número de cursos de reforzo e os obradoiros de memoria.