Skip to main content
ActualidadeCospeito

Rematan as obras de modernización do recinto feira de Feira do Monte

Por 26 Abril, 2018Sin comentarios

A Xunta de Galicia apoiou ao Concello de Cospeito cunha axuda directa de 12.000 euros dirixida a impulsar a remodelación e modernización da estrutura física e instalacións do recinto feiral emprazado na localidade de Feira do Monte, deste municipio chairego.

A achega, que forma parte da liña de axudas promovida pola Dirección Xeral de Comercio -dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria- representa o 50 por cento do orzamento total desta actuación de mellora, que abarcou as dúas naves do complexo

As obras incluíron o enlucido dos revestimentos interiores e pintado das distintas superficies, así como a colocación dun solado de formigón. Ademais acometéronse melloras nos accesos e na seguridade do recinto e actuouse no ornato interior, con importantes melloras estéticas ao longo dos 700 metros cadrados que ocupan as naves dentro dos 8.000 que ten todo o recinto feiral.

A remodelación e modernización apoiada contribuirá a poñer en valor un equipamento público municipal cunha singular significación por constituír un espazo capaz de albergar feiras (como mínimo unha cada mes) e distintos eventos tales como: a Feira da Maquinaria Usada e Nova, de Artesanía e Antigüidades (que se celebra esta fin de semana) ou a do Porco da Ceba, entre outras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Armando Castosa, visitaron as instalacións, e puideron comprobar as melloras executadas no recinto feiral que ganou en excelencia e, polo tanto, que se confirma como un escaparate inmellorable para Cospeito.