Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Micro-tendencias que che farán desexar que chegue o verán

Por 11 Maio, 2018Sin comentarios

Por Cecilia F. Santomé

Despois de semanas e semanas cruzando os dedos con forza para que as borrascas tivesen piedade de nós e nos permitisen por fin librarnos do anorak e das botas, a nosa sede atrasada de sol e calor fai que sexamos incapaces de conformarnos con espremer ao máximo a primavera que aínda temos por diante. Queremos verán, e querémolo xa. Menos mal que as seguintes micro-tendencias con sabor estival prometen facernos a espera máis soportable.

Lentes de sol estilo Lolita

Que treman as clásicas Wayfarer, porque xa non están soas no mercado das lentes de sol máis cool. Se en temporadas anteriores os modelos cat eye ousaron plantarlles cara, en 2018 todo indica que serán as súas primas irmás en forma de corazón as que leven o gato á auga. E é que volve con forza a estética inspirada na adaptación cinematográfica da Lolita de Nabokov, coas súas lentes de sol de pasta vermella e aires infantís. Raíñas das modas orixinadas en Instagram como Leandra Medine Cohen ou Julie Sariñana xa as incorporaron aos seus estudados looks alá por febreiro. Absterse espíritos aburridos …

Tenis moi feos (moito, de verdade)

Con Demna Gvasalia e a súa exaltación do normcore chegou o escándalo. Bolsas de Ikea vendidas a prezos desorbitados, camisetas de DHL tratadas como obxectos de culto e, por último –polo momento-, zapatillas deportivas de dimensións mastodónticas que se converten no calzado do momento aos ollos do máis florido do universo influencer. O que en inglés se denomina “daddy sneakers”, e que nós interpretamos como os típicos tenis de iren pasear os xubilados, son a nova proposta do deseñador xeorxiano na súa particular cruzada por estender o dominio do ordinario na moda. Porque non se trata de derrocar o tiránico tacón e enxalzar a comodidade do zapato plano, non. O de Gavasalia é un ataque en toda regra ao bo gusto. Os tenis son o elemento estrela, acadando proporcións inéditas e transformando os pés en dous apéndices dignos de Bigfoot.

Camisetas do tempo de Maricastaña

Menos controvertida é a viaxe ao pasado que se aveciña a golpe de camiseta. Porque, despois de aprovisionarnos de modelos cheos de lemas reivindicativos para a baga feminista que rexurdiu este inverno, Zara aposta agora por convidarnos a unha evasión mental volvendo ao terreo da nosa infancia. Para facelo, o xigante do low cost bota man dun truco emocional: lembrarnos películas ou series que causaban furor alá polos 80. Primeiro foron Os Goonies os que se transformaron en carne de camiseta, e logo foi a quenda de Dinastía. A da mítica telenovela norteamericana, coa mala malísima Alexis Colby (Joan Collins) como protagonista, promete colgar o cartel de esgotada en poucas semanas. Poida que aos millennials non lles digan nada, pero non todo xira arredor deles, non si?

Bolsos esencialmente naturais

De volta ao presente, unha dose de realismo ecoloxista semella inspirar a paixón que estamos a experimentar polos bolsos de inspiración orgánica. Materiais como o algodón, o bambú, a palla ou a madeira sérvenlle de base a deseños que renden culto á artesanía mediterránea. Aos cestos de Jane Birkin de temporadas anteriores súmanse propostas como as canastras de Heimat Atlántica decoradas con cunchas da Toxa ou os bolsos bomboneira de tea e toques mariñeiros de Mundaya. A naturalidade prima, e nela reside o encanto duns complementos que se afastan voluntariamente da pompa e o boato.

E ti, xa tes claro a cales destes imprescindibles estivais sucumbirás?