Skip to main content
Actualidade

As Pontes organiza a Festa do Camioneiro

Por 21 Maio, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes organiza, en colaboración coa Asociación do Colectivo do Transporte de Carbón, unha nova edición da Festa do Camioneiro que chega xa á súa edición número dezaoito.

A celebración, coa que se rende homenaxe a un dos sectores económicos máis importantes do municipio, levarase a cabo ós días 26 e 27 de maio e conta cun amplo programa de actividades que arrincarán o sábado, 26 de maio, ás 09.00 horas, coa concentración, na Casilla, dos vehículos participantes para despois percorrer, a partir das 10:00 horas, as principais rúas de As Pontes, ruta que rematará ás 11:30 horas co aparcamento dos camións na Canle IV.

Ás 13:00 horas celebrarase, na Praza de América, unha misa e a continuación, a partir das 13:30 horas, darase paso á sesión vermú e, unha vez rematada, ás 14:30 horas os participantes, trasladaranse ata o patio do colexio Santa María para gozar dun xantar popular.

Pola tarde, ás 18:00 horas, haberá, na Canle IV, unha exhibición de coches de rallyes para adultos e nenos e tamén de triciclos para os máis pequenos e; desde as 20:00 horas, veciños e amantes do mundo do motor poderán asistir a unha exposición de vehículos antigos e novos, cun photocall. A celebración continuará a partir das 22:00 horas na Praza da América cunha verbena e a partir das 24:00 horas realizarase o sorteo de diferentes agasallos.

Este ano a celebración prologarase ata o día 27 de maio, con diferentes actividades do mundo do motor e do transporte.

Desde o goberno local, a concelleira Ana Pena, responsable da área de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, subliña que o obxectivo desta celebración é recordar o papel que xogan os camioneiros na localidade “son un dos motores máis importantes da nosa economía, tratase dun sector estreitamente vinculado á nosa vila, os camións forman parte da nosa paisaxe e esta celebración é un homenaxe de todos os ponteses a un colectivo vital para o noso pobo”