Skip to main content
ActualidadeCultura TERRACHÁXAGuitiriz

Abre en Guitiriz a mostra ‘Bichos chairegos’

Por 28 Maio, 2018Sin comentarios

A Casa Habanera de Guitiriz vén de inaugurar a exposición Bichos chairegos, unha combinación das mostras dos autores José Juan Manzano de la Comba e Manuel Sanmartín Fernández, cun denominador común: animais do entorno da Chaira.  Permanecerá aberta ao público ata o 30 de xuño.

A exposición xorde coa intención de dar a coñecer á xente nova da comarca a riqueza de artrópodos cos que comparte hábitat. Formulouse cun propósito divulgativo; é tanto unha exposición de fotografías acompañadas de explicacións, coma unha exposición de explicacións acompañadas de fotografías. Materializouse grazas ao IESCHA e o IES Basanta Silva. De feito foi neste centro onde se amosou por primeira vez, con motivo do seu cincuentenario.

As escasas fotografías aquí expostas son unha mínima mostra dos varios miles de fotografías de flora e fauna da comarca dispoñibles na plataforma cidadá Biodiversidad Virtual.org, a maior base de datos de imaxes xeo-referenciadas de seres vivos, accesible para calquera persoa, entidade científica, administración pública ou centro educativo. Os datos que aportan os seus bancos taxonómicos permiten facer estudos clave na evolución das especies. Incluso, ás veces, os afeccionados logran obter fotografías que constitúen novidade para a comunidade científica.

De feito, nesta pequena escolma de fotografías, quixen incluír dúas desas novidades:

  • o áfido Plocamaphis flocculosa, do que non se coñecía a súa presenza na Península Ibérica, de xeito que estas imaxes son as primeiras e únicas, de momento; e
  • o himenóptero Monsoma pulveratum, do que tamén se amosa aquí a primeira imaxe rexistrada na Península Ibérica.

Ao pé das fotografías indícase a súa localización, agás nos casos sensíbeis. A inmensa maioría das fotografías están tomadas na vexetación de ribeira do río Madalena, mesmo no tramo do seu paseo fluvial. Tanto as especies que se expoñen coma outros invertebrados non amosados na exposición, dependen da vexetación de ribeira e sen ela non subsistirán. De feito, as podaduras e rozas periódicas desa vexetación propician a súa perda e, en consecuencia, a perda da diversidade noutros ordes de especies moito máis admiradas que os bichos.