Skip to main content
Actualidade

Fin de curso nas escolas municipais das Pontes

Por 7 Xuño, 2018Sin comentarios

As escolas municipais de As Pontes celebrarán, durante todo o mes de xuño, as súas galas de fin de curso nas que amosarán os resultados do traballo levado a cabo durante os últimos nove meses.

Despois da celebración, o pasado fin de semana, da gala de fin de curso da escola municipal de patinaxe, do 11 ó 17 de xuño será a quenda para a escola de natación que abrirá paso á clausura do curso das escolas deportivas de tenis e psicomotricidade, o 12 de xuño; á escola de baloncesto, o 13 de xuño, e ás escolas de ximnasia rítmica, aeróbic, xadrez, taekwondo e karate, o 14 de xuño mentres que as escolas municipais culturais tradicionais celebrarán a súa gala de fin de curso o 15 de xuño e o 29 e 30 de xuño as escolas municipais de baile moderno, danza clásica e flamenco.

O Concello, a través da Concellería de Deporte e Mocidade e a Concellería de Cultura, destinou, durante este curso, un orzamento próximo ós 155.000 euros ás escolas municipais, o que fixo posible ofertar 14 modalidades deportivas e 8 disciplinas culturais a través das que o goberno local busca fomentar a actividade deportiva, a vida saudable, o acceso á cultura e a paixón pola danza e a música entre os ponteses de todas as idades.

Fútbol, baloncesto, kayak polo, piragüismo, kickboxing, patinaxe, atletismo, psicomotricidade, taekwondo, tenis, tiro con arco, xadrez, ximnasia rítmica, vela, aeróbic, pilates, mantemento e ximnasia para a terceira idade, compoñían a oferta deportiva mentres que a oferta cultural abranguía a danza clásica, o baile moderno, o flamenco así como a cultura tradicional con clases de baile galego, acordeón, pandeireta, gaita e percusión.

Durante este curso as escolas municipais contaron con más de 1.000 inscritos,  preto de 600 alumnos participaron nas escolas deportivas; 345 nas escolas para nenos e algo máis de 250 alumnos nas actividades dirixidas ós adultos mentres que o número de matriculados nas escolas culturais ascendeu a  425, repartidos entre as escolas municipais culturais tradicionais, con 179 alumnos, e as escolas de baile moderno, danza clásica e flamenco nas que participaron 245 ponteses.

As disciplinas que contaron cun maior número de alumnos foron baile moderno, modalidade na que participaron 168 alumnos , seguida  pola escola deportiva de ximnasia rítmica, na que participan 105 rapaces, e aeróbic e pilates con 180 veciños matriculados, de forma conxunta.

Preto de 30 monitores cualificados integraron un equipo de traballo que se encargou de inculcar os valores do deporte e promover disciplinas como a danza e a música para, en palabras dos responsables das dúas áreas, Sonia Sueiro e Jesús Tembrás,  “referendar o compromiso do Concello de As Pontes co lecer saudable e a promoción dos valores asociados ó deporte e a cultura como son o esforzo, a socialización, o traballo en equipo ou o respecto para, deste xeito, impulsar entre os veciños comportamentos e actitudes esenciais en todos os ámbitos da vida cotiá”