Skip to main content
Actualidade

A Xunta inviste 808.000 euros na limpeza de cunetas en estradas autonómicas

Por 12 Xuño, 2018Sin comentarios

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, inviste 808.000 euros na campaña de limpeza de marxes das estradas autonómicas na provincia que está a desenvolver nas últimas semanas  e que se prevé completar a finais deste mes de xuño

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou o esforzo inversor que supón actuar  sobre os 1.490 quilómetros que completan a rede autonómica de estradas na provincia de Lugo.

As actividades de roza da vexetación nas marxes das estradas iniciáronse en maio por aquelas zonas onde a vexetación, por particularidades climáticas ou biolóxicas, presentaba un estado máis avanzado.

Estes traballos realízanse anualmente entre a primavera e o verán cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco, e consisten na sega da vexetación e a extensión de herbicida para atrasar no posible a aparición de novas plantas.

A limpeza das marxes incrementa a seguridade na circulación, ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradiza; optimiza a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos…), evitando estancamentos por vexetación; favorece a percepción da irrupción de animais na calzada  con maior antelación, permitindo dispoñer dun maior tempo de reacción ao condutor para evitar posibles colisións.

Ademais, a limpeza das cunetas incrementa  a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio e o aspecto despexado disuade de posibles verquidos incontrolados.