Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

O polígono de Friol acollerá un biocentro cárnico e unha ecotienda

Por 25 Xuño, 2018Sin comentarios

O alcalde de Friol, José A. Santos, acompañado polos promotores e técnicos de Traloagro SL visitaron a parcela do polígono industrial da localidade onde se instalarán para desenvolver un biocentro cárnico e unha ecotienda. O rexidor destaca a forte aposta da empresa local Traloagro S.L. pola súa diversificación e posta en marcha deste novo proxecto empresarial no Polígono Industrial de Friol, tanto polo seu importante investimento, máis dun millón e medio de euros, como pola innovación e achegamento á poboación da comarca dos produtos ecolóxicos.

A empresa familiar Traloagro SL, situada en Burgo de Negral, parroquia de Santa María do Pacio, en Friol, dedicada á explotación gandeira de vacún e avícola, en ecolóxico, aposta agora pola súa diversificación e construción, no Polígono Industrial de Friol dun biocentro cárnico e unha ecotienda cos que se pretende dar á poboación da comarca de Lugo unha serie de servizos que se complementan á perfección. Por unha banda, haberá unha sala de despiece de produto ecolóxico e co valor engadido do comercio polo miúdo de produtos alimenticios varios, todos eles ecolóxicos, sendo pioneiros na contorna rural ao apostar pola produción e comercialización ecolóxica de todo tipo de produtos, tanto frescos como elaborados.

Con este proxecto crearanse máis de cinco postos de traballo de forma inicial e que se ampliarán en máis dun 30%, segundo o plan empresarial elaborado por esta empresa nos próximos dous anos.
O proxecto do biocentro cárnico xunto coa ecotienda, elaborado e redactado polo arquitecto Adria Rodriguez, supón un investimento aproximado de 1.500.000 euros e situarase na parcela 55 do polígono, cunha superficie de 2.480 m2. Ditas instalacións contarán con materiais de última xeración optimizando os recursos á vez que con eles se conseguirá un elegante e funcional centro, uns dos máis importantes que existirán na comunidade Galega

Para a execución deste ambicioso proxecto, tramitáronse varias solicitudes de axuda á Consellería de Medio Rural.

En concreto, para a ecotienda anexa ao biocentro cárnico solicitouse unha axuda ao amparo da Medida dende o GDR 4 Comarca de Lugo, que de resultar beneficiarios da mesma acadaría o 50% do investimento.

Este proxecto é un claro exponente de neorruralismo, pois os promotores deste proxecto, mozos menores de 40 anos, aínda que son naturais de Friol, exerceron a súa actividade profesional en Europa occidental e agora apostan claramente polo investimento no medio rural impulsando claramente as accións económicas e sociais do Concello de Friol e da comarca en si.

O alcalde agradece aos promotores que se decantaran por situar en Friol estas instalacións pioneiras neste sector no municipio, dado o gran auxe que está tendo este sector e o gran movemento económico e laboral que sen dúbida repercutirá no noso municipio.