Skip to main content
Actualidade

A Deputación inviste esta semana 10,5 millóns de euros en obras

Por 26 Xuño, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, anunciou durante a celebración do Pleno Provincial no Pazo de San Marcos, que o Goberno da Deputación inxectará esta semana un total de 10,5 millóns de euros “para emprego, servizos sociais e infraestruturas beneficiando aos 300.000 veciños dos 67 municipios lucenses”. Campos Conde informou que esta semana, os concellos da provincia que así o desexen poden solicitar o 50% da axuda do Plan Único 2018 que conta con 21 millóns de euros , tal e como xa lles informou dende o Executivo Provincial aos municipios a través dunha carta institucional.

O presidente destacou que “isto implica a inxección inmediata nas arcas municipais de 10,5 millóns de euros para que a Deputación continúe a ser a administración que lidera a obra pública na provincia, a que máis inviste en políticas activas de xeración directa de emprego, de impulso do benestar, así como a dinamización turística, cultural e deportivamente o conxunto do territorio lugués. De ditos investimentos, 7,2 millóns de euros forman parte do anticipo para que os municipios inicien as contratacións das 310 obras que contempla este plan da Deputación, que sen dúbida reactivarán a economía da provincia”.

O Plan único 2018, aprobado no pleno provincial no pasado mes de maio, conta cun total de 21 millóns de euros, pois o Goberno da Deputación incorporou 10 millóns de euros dos 11 de presuposto, procedentes de remanentes. Este plan provincial está distribuído do seguinte xeito: 14,4 millóns para a execución dunhas 310 obras ou dotación de servizos públicos; máis de 3,5 millóns para a xeración de 240 novos postos de traballo; 1,8 millóns para o financiamento de 200.000 horas de atención profesional aos maiores co Servizo a Domicilio a persoas non dependentes; uns 420.000 euros para a celebración de 79 citas turísticas; outros 400.000 para a de 44 culturais; 266.000 para a de 82 deportivas; uns 140.000 euros para o reforzo da administración electrónica nos municipios; e uns 31.000 euros para financiar en 11 concellos os grupos de protección civil de Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Ribas de Sil, Trabada e Xermade.

Estas son as actuacións que se executarán ao longo desta anualidade, podendo ser máis cos remanentes que se xeren, tal e como aconteceu nas anteriores edicións.