Skip to main content
Actualidade

O Centro da Muller das Pontes recibiu o ano pasado máis de mil consultas

Por 29 Xuño, 2018Sin comentarios

O Centro de Información á Muller do Concello das Pontes recibiu, durante o ano 2017, un total de 1.022 consultas, a maior parte foron de mulleres que  acudiron a este centro na procura de asesoramento xurídico ou de axuda psicolóxica.

O CIM fixo públicas hoxe as súas cifras, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGTB xa que, desde o ano 2016, o centro tamén é punto de apio, información e asesoramento a este  colectivo,  para promover a igualdade de trato e a non discriminación das lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, das súas familias e persoas achegadas.

O CIM ofrece os seus servizos de balde e, durante o pasado ano, o servizo xurídico do centro recibiu un total de 123 consultas. A maior parte das solicitudes de asesoramento estiveron vinculadas  ó dereito de familia: divorcios, separación, procesos relacionados con parellas de feito. Asemade abordou cuestións de carácter administrativo, laboral, civil e mesmo penal,  sendo o seu obxectivo prioritario ofrecer unha intervención integral ós usuarios.

Por outra banda, o servizo de atención psicolóxica levou a cabo 899 intervencións de atención psicolóxica, sendo o 85% terapias individuais e o 15% restante terapias de grupo, de parella ou familiar. O traballo desta área está encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal dos usuarios e facer un seguimento individualizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións ós problemas polos que acoden ó CIM.

A Concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos remarca que: “O CIM, ademais de promover a igualdade no ámbito da diversidade sexual, busca previr, informar, asesorar e loitar conta a violencia, prestando especial atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e a aquelas mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social”.

Por este motivo,  xunto coa atención directa,  para tratar de desterrar a violencia contra as mulleres en todos os ámbitos, desde o CIM realízanse diferentes actividades e campañas ó longo de todo o ano de cara á sensibilización da cidadanía no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Entre todas estas iniciativas destacan as charlas sobre temática feminina, o programa de radio “Voces pola igualdade”, os campamento urbanos de conciliación familiar ou as campañas informativas “En negro contra as violencias” e “Vive en Igualdade”