Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Empeza a campaña de alto risco de incendios en Galicia

Por 2 Xullo, 2018Sin comentarios

A campaña de alto risco de incendios forestais comezou en Galicia o domingo 1 de xullo, e por primeira vez estenderase ata o 31 de outubro. Isto conleva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte, se ben é certo que esta prohibición poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen.

A decisión de estender a temporada de alto risco decidiuse despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. Lembramos que o operativo está xa dispoñible e a pleno rendemento, incrementando tamén a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro.

Ademais, a partir de hoxe refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga. Este ano, como nas últimas campañas, o dispositivo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, con 5.700 profesionais da Xunta, que estarán apoiados por persoal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e outras entidades locais. Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A Consellería do Medio Rural pide o máximo compromiso contra os incendios forestais na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas, e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Así mesmo, incidimos en que as persoas que se acheguen ao monte nestas datas extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.