Skip to main content
ActualidadeRiotortoVilalba

O PSOE de Vilalba inculpa ao goberno por non ter solicitado o sistema de bonus

Por 19 Xullo, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista inculpa ao equipo de goberno de Vilalba pola perda de 5.295,24 euros ao non ter solicitado o bonus que contempla o Real Decreto 404/2010, un sistema de incentivos en materia de Seguridade Social para reducir a sinistralidade laboral. Segundo afirman os socialistas, o feito de non ter tramitado esta solicitude desemboca nunha perda para as arcas municipais baixo responsabilidade do goberno local do Partido Popular.

Para o grupo socialista trátase dun “deixamento de funcións propio do goberno Baamonde”, posto que cumprimentaban as cotas por continxencias profesionais “e aínda así nin solicitaron o bonus correspondente”, afirma o edil Luis Fernández. Porén, censuran a actitude dos populares no goberno vilalbés “con cuestións como esta, perdendo cartos por absoluta desidia en multitude de ocasións”.

Desde o PSOE móstranse críticos coa xestión do Concello neste termo, pois “están a perder continuamente subvencións, neste caso non adheríndose ao sistema de bonus, ou mesmo rexeitando axudas doutras administracións nunha fuxida cara adiante co norte perdido desde hai tempo”, aseguran.