Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta alerta da presenza de vertidos no polígono

Por 19 Xullo, 2018Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta volverá esixir diante o Pleno unha revisión en profundidade do sistema de recollida e tratamento de residuos. Unha reivindicación, que de novo figurará na orde do día a iniciativa da formación asemblearia e que desta volta chega acompañada dunha proposta de regulación, “a fin dunha correcta prestación do servizo de recollida por parte dos responsables do Punto Limpo”.

Unha decisión de urxencia, tomada – tal e como apuntan dende a formación – logo de teren coñecemento dun novo vertido na contorna do Polígono de Sete Pontes.

“Cómpre apelar á nosa responsabilidade cívica coma veciñanza, por suposto. Mais, con todo, as reiteradas deficiencias no funcionamento do Punto Limpo, semella, non a están a facilitar.” Declaraba o seu voceiro e edil na corporación, Modesto Renda, ao tempo que denunciaba a falta de seriedade do Concello no que ten que ver co control do establecido nos horarios de apertura e peche. 

“Os vertedoiros ilegais, xunto coa pésima xestión que en xeral se realiza en Vilalba dos residuos, ofrecen da nosa vila e parroquias a peor das súas caras, isto é: unha radiografía triste da nosa sociedade, cuxo responsable último é o Goberno” sentenciou.

Neste senso, e ao tempo que recoñecen a dificultade de controlar o cento por cento do territorio e evitar que alguén arroxe residuos a calquera recuncho, dende Vilalba Aberta consideran indispensable a correcta planificación  e a programación de accións encamiñadas a reverter a actual realidade.

É por isto, que ademáis do relativo á fiscalización do sistema de recollida por parte da concesionaria e dos responsables do Punto Limpo, a formación asemblearia defenderá tamén a necesidade de informar á veciñanza dos residuos que se xeran e de como se xestionan, observando deste xeito os vilalbeses/as como ao mellorar a xestión isto impacta de forma positiva tanto a nivel social como a económico. Unha campaña pedagóxica de ámbito exclusivamente municipal, co obxectivo que as veciñas e veciños, asociacións, empresas e institucións sexan cómplices da xestión e dos logros que se van conseguindo na materia.