Skip to main content
ActualidadeVilalba

A epoca castrexa e romana, tema da segunda xornada do Congreso de Arqueoloxía de Vilalba

Por 20 Xullo, 2018Sin comentarios

A segunda xornada do 4º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba tivo como temáticas principais a época Castrexa e a Romana. Investigadores do Museo Arqueolóxico de Asturias presentaron unha interesante comunicación sobre o castro de Pena Aguda, un castro primitivo da montaña asturiana. Nuno Oliveira, da Universidade do Minho (Braga), defendeu unha comunicación sobre o Castro de Terronha (Viana do Castelo), xacemento que se funda no século II antes de Cristo e cuxa ocupación perdura durante tres séculos.

Os doutores Eduardo González Gómez de Agüero e Víctor Bejega García, da Universidade de León, relataron os resultados das investigacións do xacemento da Pena do Castro, situado na Montaña Oriental Leonesa, con ocupacións humanas que van desde o século VI a.C. ao II d.C. Pola súa banda, o Castro de Santa Tecla (A Garda), o do Facho de Donón (Bueu) e o de San Lourenzo (A Pobra de Brollón) foron protagonistas de senllas comunicacións. O doutor Anxo Vila Valdés, do Museo Arqueológico de Asturias presentou unha interesante investigación sobre as saunas aparecidas en distintos castros do noroeste peninsular, na cal fai fincapé nunha orixe anterior á época romana.

Seguindo con este fío argumental, investigadores da Universidade do Minho e da Sociedade Martin Sarmento (Guimaraes) presentaron un estudo sobre esvásticas gravadas no Noroeste Peninsular e a súa relación co mundo dos castros. A sesión centrada nos castros pechouse coa participación dos arqueólogos asturianos, Susana Hevia e Rubén Montes, sobre un tipo de decoración realizada sobre a cerámica dos castros da Cuenca do Navia, mentres a de José María Belo, Director do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón agora xubilado, centrouse en analizar os desatinos na reconstrución do Castro de Elviña e a manipulación de datos que esta implica.

Na sesión dedicada ao mundo romano, un grupo de arqueólogos asturianos presentaron os datos das intervencións nas fases romanas do xacemento do Monte Castrelo de Pelóu (Asturias), onde se recuperaron abundantes armas e documentos latinos. Investigadores do MUPAV e da Universidade de Santiago expuxeron os datos sobre un forno de cocción de grandes recipientes cerámicos localizado preto da praia das Catedrais. Mentres que membros do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal presentaron análises isotópicos realizados sobre restos funerarios da Coruña, que permiten achegarse á dieta destas poboacións antigas.

Na sesión doutras temáticas, presentáronse varios estudos. Un sobre xoiería antiga e outro centrado nunha necrópole medieval emprazada sobre o Castro de San Lourenzo (A Pobra de Brollón). Tamén se defenderon investigacións sobre materiais arqueolóxicos e faunísticos da Idade Media procedentes dun xacemento de Moaña; e unha contribución á arqueoloxía do conflito, na cal estúdase a refriega de Repil (Monforte de Lemos).