Skip to main content
Actualidade

Organizan nas Pontes o encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia

Por 7 Agosto, 2018Sin comentarios

As Pontes será, entre o 14 e o 19 de agosto, a sede do encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia; unha iniciativa organizada pola Asociación Nacional de Directores de Banda que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración co Concello de As Pontes a través do Conservatorio Profesional de Música.

Este encontro, dirixido a rapaces con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos, reunirá durante unha semana a máis de 60 novos músicos chegados das catro provincias galegas e procedentes de diferentes espazos e ámbitos educativos e culturais como conservatorios, escolas de música ou bandas populares.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír ó traballo realizado polas Bandas, as Escolas de música e os conservatorios a prol da música así como amosar ós menores participantes o patrimonio cultural de Galicia e doutras culturas, dando a coñecer a novos autores, recuperando composicións do pasado e fomentando a creatividade, a participación e o traballo en equipo.

O programa do encontro da Banda Sinfónica Infantil en Galicia en As Pontes, que contará  con clases e ensaio cos que os participantes terán ocasión de completar a súa formación da man de destacados profesores, inclúe dous concertos de balde, abertos a toda a veciñanza. O primeiro será en Ortigueira, o sábado, 18 de agosto, ás 20:00 horas, no teatro da Beneficencia de Ortigueira e o segundo, o domingo, 19 de agosto, á mesma hora, no Auditorio Municipal Alovi en As Pontes.

O encontro arrincará, o martes 14 de agosto ás 12:30 horas no ALOVI, coa presentación da iniciativa na que estarán presentes; Jesús Espada Martínez, Xefe do Servizo de Coordinación da Xunta de Galicia da Área Cultural da Coruña así como representantes dos municipios de As Pontes e Ortigueira, do Conservatorio Profesional de Música de As Pontes, da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes e da Banda  Sinfónica Infantil de Galicia.