Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

A torre e casa señorial de Sobrada de Aguiar

Por 17 Agosto, 2018Sin comentarios

Por Miriam Fernández

O pasado señorial de Galicia deixou unha indubidable e fonda pegada na nosa historia, os dominios das familiar fidalgas e do clero conformaron unha estrutura territorial e agraria que marcaron a forma de vida e o espazo das xentes humildes do rural durante a Idade Media e Moderna,  as cales viviron durante séculos baixo unha relación de dependencia ata a redención dos dos foros e a súa extinción marcada polo Decreto Lei de 1926. As casas, pazos e fo rtalezas fidalgas, ademais de lugar de refuxio familiar, funcionaban coma unidades de xestión local e poder, puntos de referencia dentro destas relacións da organización feudal na que os señores ocupaban unha posición privilexiada.

Moitos dos pazos que coñecemos teñen orixe nas antigas fortalezas medievais, recintos amurallados con unha ou varias torres que paulatinamente se foron adaptando  e ampliando na búsqueda dun maior confort e funcionalidade, conservando algunha destas estruturas e xerando espazos verdadeiramente singulares.

No concello de Outeiro de Rei consérvanse unha gran concentración de pazos e casas grandes de renome pertencentes a afamadas familias fidalgas galegas, establecidas neste territorio debido posiblemente á proximidade coa capital da provincia, nas que se manteñen un total catro torres de antigas fortalezas medievais.

Un deste exemplos de casas solariegas do Concello é a que nos atopamos en Sobrada de Aguiar, actualmente moi reformada, que conserva ó seu lado unha torre, elemento principal da construción primitiva asentada no lugar durante a Idade Media. A edificación presenta unha pranta rectangular realizada e cachotería de lousa, cos muros rebocados e enlucidos de branco, á que se anexan dependencias auxiliares menor tamaño e construción contemporánea que se pegan á torre, integrándoa no conxunto. Estes alpendres e un muro corrido conforman un pequeno patio fronte a fachada principal, a cal ostentaba un escudo coas armas dos Andrade, os Aguiar e os Ribadeneira, atesourado acxtualmente no Museo Provincial de Lugo e que en orixe estaría instalado na torre.

A torre, a día de hoxe propiedade de Andrés Segundo Guerra Pita, formou parte dunha fortificación amurallada do século XV, reconstruída tras a súa destrución polos Irmandiños (ano 1467) no lugar da orixinal proxectada por Fernán Pérez de Ribadeneira. Ten unha planta cadrada cunhas  medidas de 9,35 m de ancho e 15 de alto, tres corpos ou pisos, varias ventás de marco granítico (cadradas, saeteiras e de medio punto) e unha porta. Os muros están realizados case por completo con cachotería de lousa. Dende fai anos a torre presenta un estado ruinoso, con serios danos na estrutura e elementos vexetais medrando sen control polas súas paredes e inmediatamente ó seu carón.

Neste conxunto de casa-torre viviron os Ribadeneira, os Aguiar e os Maseda de Andrade, importantes familias fidalgas que foron creando e adaptando paulatinamente as instalacións medievais, legando un conxunto que rematou por converterse en casa de labranza, perdendo parte da importancia  da que antano fora expoñente.

A pesar dos danos que sofre a torre, as reformas da casa e á desafortunada construción de alpendres ou complementos adosados ó monumento, non deberíamos esquecer a importancia histórica e cultural desta pequena xoia rural, solicitando para ela unha protección maior, e unhas tarefas de consolidación e limpeza que nos permita o mantemento deste destacado elemento patrimonial. Esta posta en valor, estendida ás outras torres e pazos do concello (coma a tamén maltreita de Taboi), suporía non só o mantemento do patrimonio, se non que contribuiría na transmisión da cultura e historia rural do Concello, así coma na posibilidade de creación de rutas turísticas que revitalizasen e dinamizasen o entorno.