Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAVilalba

Vilalba aberta pide atención ao incremento dos ataques do lobo

Por 17 Agosto, 2018Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta mostrou de novo a súa preocupación sobre a problemática relativa ás cuantiosas perdas económicas que o conxunto dos gandeiros do Concello está a sufrir, froito do repunte dos ataques de lobos en Vilalba. Unha situación absolutamente límite dende o punto de vista dos produtores de leite e carne, que para a formación asemblearia esixe da “máis estrita unidade política do conxunto dos seus representantes municipais, con vistas a unha actuación coordinada entre Concello e Xunta de Galicia, a fin da súa definitiva e áxil resolución”.

Tal e como apuntan dende Vilalba Aberta, na actualidade, a Xunta de Galicia carece dun censo real dos lobos que habitan nos nosos montes. Unha mostra, para eles, clara da “falta de lealdade” co sector gandeiro por parte dunha Consellería, que “non só fica impasible diante de calquera problema que lle afecte aos nosos produtores e produtoras, senón que por enriba aumenta as trabas burocráticas para evitar así asumir os danos polas perdas”. Neste senso, poñen coma exemplo o afán da Xunta por evitar na medida do posible a certificación de forma rápida e concisa do animal perdido e mailo interese da Consellería por dilatar o máximo posible no tempo o pago dos danos, ademais, da  criticada teima por seguir mantendo un baremo para o pago que dende a formación asemblearia cualifican de “completamente obsoleto”.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, identificando como causa principal do incremento dos ataques a imposibilidade de deixar restos animais nos montes que sirvan de alimento aos lobos. “Foi a problemática das vacas tolas a que impediu deixar os restos de animais nos montes. Antes existía unha cantidade suficiente para que o lobo puidese comer, mais agora non se pode”.

Neste senso, criticou o “mal funcionamento” do sistema de axudas ás explotacións afectadas e instou ao Alcalde a “moverse”, demandando para os gandeiros “compensacións a prezos reais de mercado, así coma a percepción das pagas en tempo e forma, tanto das facturas do servizo de veterinarios coma se ao final ten que procederse ao sacrificio do animal”. 

“Cómpre deixar atrás a pasividade institucional diante dunha absoluta traxedia económica para a veciñanza das parroquias que, sumada á grave crise de prezos do leite, está a levar a algúns dos gandeiros afectados a pensar no peche das explotacións que con tanto esforzo conseguiron levantar” sentenciou.

É por isto que defenderá no Pleno a necesidade de controlar a cabana de lobos, en tanto que Lugo acumula un terzo das manadas de Galicia, “a mesma cantidade que no conxunto de Asturias”, apuntaban nesta liña fontes da súa formación.

Ademais demandarán do Goberno Municipal que o Concello de Vilalba inicie as xestións e contactos necesarios diante a Consellería, co fin tamén da actualización dos baremos por danos da fauna salvaxe na maior brevidade posible, á vez que con vistas a axilizar o pago deses danos marcando un límite máximo de días para a súa percepción.

Por último, Vilalba Aberta esixirá tamén do Alcalde, que inste á Xunta a que a certificación dos danos ocasionados polo lobo se realíce no menor tempo posible, reducindo os actuais trámites burocráticos que están a ocasionar atrasos e a non certificación dos danos por parte da Consellería, á vez que se teñan en conta as opinións tanto dos propios expertos da Consellería como dos gandeiros que habitualmente conviven co medio salvaxe, converténdose así noutro “experto” máis deste medio.