Skip to main content
ActualidadeXermade

19 rapaces de distintos países participan no campo de traballo en Xermade

Por 21 Agosto, 2018Agosto 23rd, 2018Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o campo de traballo internacional Casa da Neveira, en Xermade, que se enmarca na Campaña de Verán de actividades xuvenís que organiza a Consellería de Política Social.

Neste campo participan 19 rapaces e rapazas -de entre 19 e 30 anos- de diversos países: seis de Rusia, tres de Italia, dous de Francia, un de Ucrania e sete de España; estes últimos proceden de Barcelona, Salamanca, Bizkaia, Madrid, Logroño, Navarra e Zaragoza.

A iniciativa desenvólvese entre os días 13 e 24 de agosto e xira en torno á conservación do ben etnográfico Casa da Neveira, un xacemento medieval no que se fabricaba xeo (empregando a neve que caía no inverno) que despois se utilizaba para a conservación de alimentos dentro das antigas rutas de paso dos comerciantes.

Os participantes realizan traballos de consolidación e recuperación de parte da estrutura e tamén de documentación, así como actividades complementarias de tipo lúdico y cultural: obradoiros de artesanía, actividades deportivas, rutas de sendeirismo ou excursións pola provincia.

 

Balance da campaña

Balseiro aproveitou para facer balance da Campaña de Verán na que na provincia de Lugo ofertáronse máis de 2.200 prazas en 26 campamentos e seis campos de traballo. “Isto supuxo 50 prazas máis das que ofertamos o ano pasado e un investimento de máis de 760.000 euros”, afirmou.

O delegado subliñou que estas iniciativas “combinan a aprendizaxe cultural coa experiencia vital” e teñen unha acollida extraordinaria entre os rapaces e as familias. Por iso, a Xunta aposta por estes programas e incrementa cada ano “tanto no número de prazas como no orzamento destinado á provincia na campaña de actividades de verán”.