Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAFriol TERRACHÁXA

Aira, unha das beneficiadas da liña de axudas de Medio Rural

Por 24 Agosto, 2018Sin comentarios

Un total de 63 entidades galegas, entre cooperativas e sociedades agrarias de transformación, benefícianse este ano das axudas da Consellería do Medio Rural para a utilización de maquinaria agraria en común, tal e como anunciou  a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ás instalacións da sociedade cooperativa galega Aira, adxudicataria desta liña de achegas. Trátase do exercicio no que máis expedientes se aprobaron da última década.

A conselleira lembrou que o pasado mes de xullo se ampliou o crédito orzamentario para esta liña de subvencións ata os 4,8 millóns de euros, un 61% sobre o presuposto inicial, co fin de dar así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos establecidos na orde. Desta forma, salientou, o investimento realizado por estas entidades ascende a máis de 12 millóns de euros, entre compra de maquinaria e gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.

Se analizamos os datos por provincias, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, un total de 29 beneficiarios son da provincia da Coruña, 18 de Lugo, 15 de Pontevedra e 1 de Ourense. Todos eles teñen de prazo ata o vindeiro 31 de outubro para xustificar o investimento realizado.

Ángeles Vázquez destacou a importancia destas axudas, pois permiten fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo na comunidade, co fin de introducir novas tecnoloxías no emprego deste tipo de equipamentos, á vez que se racionalizan os custes de mecanización, se reducen as emisións contaminantes e se fomenta o aforro enerxético. Nos últimos dez anos, a consellería destinou preto de 29 millóns de euros a esta liña de subvencións, chegando así a máis de 420 beneficiarios.

Precisamente a sociedade cooperativa galega Aira recibirá unha cantidade de 300.000 euros para un orzamento mobilizado de 614.000 euros para a compra dun tractor, autocargador, dous cabezais de herba, un carro mesturador, unha macroempacadora, unha pala telescópica e unha segadora rotativa.

AIRA SCG

A Sociedade Cooperativa Galega Aira é unha entidade de primeiro grao dende o día 1 de xaneiro de 2018, procedente da fusión das sociedades Aira, Icos, Agris, Coelplan e Cogasar. O valor contable do parque de maquinaria que ten actualmente é de preto de 5 millóns de euros, que permite dar cobertura e servizo a máis de 3.000 gandeiros e agricultores.

(Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180823/AnuncioG0426-100818-0005_gl.html)