Skip to main content
Actualidade

A construcción do campo polideportivo do Poboado das Pontes comeza coa fase de recheo

Por 28 Agosto, 2018Setembro 5th, 2018Sin comentarios

As obras de creación  do campo deportivo de herba artificial do Poboado nas Pontes avanzan a bo ritmo e atópanse xa na súa fase de recheo con capa de zahorra artificial e compactación da plataforma para, a continuación proceder á  execución do pavimento  asfáltico e á colocación do céspede artificial.

Traballos que  comezaron fai uns días e que se suman ós xa rematados de demolición, desbroce, excavación, saneado e limpeza do terreo, cimentación das torres de iluminación, conexión do saneamento á rede xeral e a canalización eléctrica.

O novo campo, que se enmarca dentro do proxecto do goberno municipal para a posta en valor das instalacións deportivas do Poboado, cun orzamento que supera os 649.000 euros, con cargo  o POS+ da Deputación da Coruña, será polivalente e estará homologado tanto para practicar fútbol como  rugby.

O alcalde, Valentín González Formoso, fai fincapé en que o proxecto está deseñado para que o campo de céspede artificial albergue a maior cantidade de deportes posibles e, á súa vez, permita practicalos en mellores condicións, reducindo no terreo os envites das condicións climatolóxicas.

“Este proxecto fainos avanzar cara un pobo máis sustentable, tanto desde o punto de vista social como ambiental, económico e deportivo. Nel apostamos polo uso eficiente dos recurso, seguimos a máxima das tres erres da reciclaxe empregando produtos e materiais sostibles e reciclados e promovemos o aforro ó tempo que referendamos o noso compromiso co deporte local e de base” remarca González Formoso.

As dimensións exteriores do céspede serán de 111 por 71 metros, cunha superficie total de 7.881 metros cadrados o que permitirá obter un campo de fútbol 11 (100×65 metros), un de  rugby  (95×65) ou dous de fútbol 7 (65×44). 

Esta instalación estará dotada de todo o equipamento necesario para a práctica deportiva, que inclúe porterías,  banderines, redes de protección e bancos. As actuacións tamén inclúen a construción dunha beirarrúa de formigón e unha varanda perimetral ó campo.