Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol desenvolve obras no concello por valor de 7 millóns de euros

Por 30 Agosto, 2018Sin comentarios

A Xunta de Galicia impulsa ao longo deste ano no concello de Friol actuacións encamiñadas a mellorar servizos e infraestruturas e a financiar iniciativas de emprendemento. Estas accións, que se levaron acabo neste 2018 e que están previsto executarse ata finais do 2018, suman un importe global que supera os 7 millóns de euros.

Así o deu a coñecer hoxe, a modo de balance, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen visitou a localidade acompañado polo alcalde, José Ángel Santos e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Obras na travesía

A presenza destes últimos tiña por obxecto avanzar os detalles das obras de mellora que executará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda na travesía de Friol e cuxo inicio está previsto para mediados do vindeiro mes de setembro.

O proxecto afectará a este tramo de 1.550 metros da estrada autonómica LU-934 (Friol-límite coa provincia da Coruña) e suporá un investimento próximo aos 100.000 euros.

A intervención consistirá no fresado das partes deterioradas da calzada nas que xa se produciu un esgotamento estrutural do firme, repoñendo os espesores fresados con novas mesturas bituminosas en quente. A continuación, estenderase unha nova capa de rodadura na estrada, para finalizar co repintado da sinalización horizontal.

As obras serán financiadas con cargo ao contrato de conservación ordinaria da zona Norte da provincia de Lugo que ten en marcha a AXI.

Axudas ao emprendemento

Con todo os compromisos da Xunta coa veciñanza deste municipio son aínda maiores, xa que logo a administración autonómica contribúe ao financiamento doutras moitas accións, como por exemplo, os máis de 321.000 euros que cada ano achega con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Outras achegas relevantes son as destinadas ao sostemento do servizo municipal de axuda no fogar para persoas dependentes, que reciben unha achega anual de case 200.000 euros, ou os 400.000 que reserva para o convenio de remodelación do centro sociocultural, por seguir citando aspectos sociais.

A zona rural e os profesionais do agro son destinatarios prioritarios dos investimentos da Xunta,  tanto a través da execución de obras de mellora de camiños, valoradas en 70.500 euros, como da concesión de axudas directas a profesionais da actividade agrogandeira que suman 5,2 miilóns de euros (pac, plans de mellora, e novas incorporacións)

A Xunta tamén apoia diversas accións de emprendemento no municipio de Friol. A  través do Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca de Lugo están en marcha actualmente 5 iniciativas emprendedoras que foron subvencionadas con 477.000 euros.

Outro dos investimentos relevantes son os 200.000 euros que se destinarán á mellora do abastecemento de auga en Prado, idéntica cifra á que permitiu a posta en marcha do novo albergue do Camiño de Santiago ao seu paso pola localidade.

Finalmente, a Xunta tamén achegou 52.400 euros para a mellora da iluminación pública de Muraza, San Martín, Bra e Carlín, 30.000 euros ao plan integrado de emprego que coparte cos concellos de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei, ou máis de 31.000 euros destinados á contratación de traballadores a través o programa AprolRural e de apoio á contratación de perceptores da Risga.