Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Medio Rural lembra que os terreos afectados por incendios non computan para o cobro da PAC

Por 3 Setembro, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural está a reforzar e perfeccionar os controis das superficies declaradas para o cobro dos pagos da PAC. Isto faise consonte á normativa europea, que esixe un seguimento rigoroso sobre as terras en produción, para determinar a contía que corresponde a cada un dos beneficiarios. Neste sentido, Medio Rural lembra que os terreos afectados por incendios forestais non computan para o cobro da PAC.

Para realizar estes controis cóntase coas novas tecnoloxías, de forma que se están a aproveitar as diferentes bases de datos e ferramentas de mapificación da consellería, como son os do propio Fondo Galego de Garantía Agraria (organismo pagador), a dirección xeral de Ordenación Forestal (e dos diferentes distritos), a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e outras, para superpoñer varias capas cartográficas que axudan a identificar con maior exactitude tanto a titularidade dos predios como a súa situación.

Neste sentido, por parte da consellería contrólase así que os terreos estean ou non en produción, que clase de cultivos presentan ou se foron, por exemplo, afectados por incendios (neste último caso, cómpre insistir en que os terreos calcinados non computan para o cobro das axudas).

En Galicia hai case 16 millóns de parcelas en preto de 450.000 hectáreas e que se corresponden cuns 33.0000 beneficiarios da PAC, o que supón un inxente traballo de xestión e control para a administración e representa unha considerable carga burocrática, ademais de dificultar a correcta atención ao propio administrado. Por iso avógase pola simplificación dos trámites e pola dixitalización como sistema de control.