Skip to main content
Actualidade

A Xunta aproba os obradoiros de emprego para 2018

Por 5 Setembro, 2018Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 20 obradoiros de emprego en 50 concellos da provincia de Lugo. Deste xeito, a Xunta atende o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro quen indicou que, para o desenvolvemento destas iniciativas destinaranse máis de 5,5 millóns de euros, un investimento que supera nun 37% a achega económica realizada na convocatoria do ano anterior.

A posta en marcha dos obradoiros de emprego permitirá a contratación de 472 persoas, incluíndo os 392 alumnos-traballadores e, a maiores, o persoal de dirección, monitores e persoal administrativo.

A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

No caso concreto da nosa provincia, dous destes obradoiros (Lugo e Ribadeo) forman parte do programa de Emprego Xuvenil. Terán unha duración de seis meses e están especialmente destinados a menores de 30 anos. Por outra banda os 18 obradoiros restantes, ofertaranse na modalidade dual.

Precisamente estes últimos constitúen a principal novidade da presente convocatoria porque os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato adicional de polo menos tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro

Balseiro tamén avanzou que 14 dos municipios beneficiarios son concellos emprendedores, un deles, o promovido por Castroverde desenvolverase nas especialidades de conservación e mellora de montes e outro, o dual de Ribadeo, está vinculado ao Camiño de Santiago, isto é, á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación, tres aspectos primados pola actual convocatoria.

Balance dos programas de fomento da empregabilidade

Balseiro aproveitou a ocasión tamén para facer balance dos distintos programas de apoio á empregabilidade promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos concellos e, nese senso, explicou que, no que levamos de ano, o Goberno galego financiou a contratación de preto de 1000 persoas na provincia de Lugo.

En concreto, de 154 perceptores da Risga, 120 persoas máis a través do programa Aprol Rural, 110 contratacións máis a través do programa de cooperación (socorristas) e 35 contratacións máis como orientadores, aos que agora se suman os 472 contratos que se efectuarán ao abeiro dos distintos obradoiros de emprego.

Na súa inmensa maioría estes programas conseguen un triplo obxectivo: facilitar a empregabilidade dos beneficarios, a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

Consulta a tabla cos obrairos na provincia de Lugo neste enlace