Skip to main content
Actualidade

O BNG pedirá a dimisión do alcalde de Outeiro de Rei por mentirlle á Valedora

Por 17 Setembro, 2018Sin comentarios

O BNG de Outeiro de Rei vai de presentar unha iniciativa no concello onde se pedirá a reprobación e conseguinte dimisión do alcalde. Esta solicitude lévase a cabo por terlle mentido dun xeito descarado á Defensora do Pobo sobre a denuncia que o propio BNG presentara nesa institución ante a imposibilidade de consultar os xustificantes dos máis de 10.000 € en
dietas de quilometraxe que o alcalde e o seu tenente de alcalde cobraran no ano 2017.

No mes de marzo, o BNG solicitou por escrito poder consultar os xustificantes das dietas por locomoción cobradas polo alcalde e Tenente de alcalde nos anos 2016 e 2017, xa que tan só no 2017 cobraran máis de 12.000€ por este motivo.

Visto que pasados máis de tres meses, e xa no mes de xuño, e como seguían sen entregar estes xustificantes, os concelleiros do BNG recorreron á Valedora do Pobo co obxectivo que esta forzara á Alcaldía a deixar consultar esta documentación.

Nese mesmo mes de xuño, ante esta denuncia do BNG, o alcalde contestoulle por escrito á Defensora do Pobo que o concello xa había tempo que puxera a disposición do BNG esa documentación. A realidade foi toda a contraria, pois nese mesmo mes de xuño ante a insistencia do BNG seguiron a dicir que non “tiñan listos” estes xustificantes e no mes de xullo entregaron os correspondentes ao ano 2016, non podendo tampouco consultar os do 2017 porque non estaban “preparados”.

De feito, a estes xustificantes do ano 2017 non se puido ter acceso ata o mes de agosto. “Esta vén sendo unha manobra máis do alcalde para intentar tapar o saqueo en forma de dietas que levan a cabo os integrantes do equipo de goberno, saqueo que quedou ao descuberto coa denuncia do BNG”, continuou Ferreiro.

Dende o BNG temos claro que un cargo público que incorre nunha mentira desta calibre está deslexitimado para ostentar calquera tipo de responsabilidade pública, e moito máis cando esa mentira é para tapar o cobro dun salario encuberto a base dunhas dietas que dende o BNG consideramos abusivas e completamente desproporcionadas.