Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAFriol TERRACHÁXA

Uns 220 gandeiros e agricultores volven poñer en produción 1.200 hectáreas de terras abandonadas

Por 17 Setembro, 2018Sin comentarios

220 gandeiros e agricultores puxeron en produción 1.200 hectáreas que estaban abandonadas. Fixérono a través do plan de recuperación de terras baldías da Deputación. Nas dúas edicións desta programación o Executivo Provincial achegou 560.000 euros en axudas a estes profesionais. O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, mantivo este luns un encontro cun dos beneficiaros desta programación.

Trátase de José Vidal, membro da SAT As Pedreiras, situada en O Pacio (Friol). José foi beneficiario das dúas primeiras edicións destas axudas, recibindo un total de 18.000 euros, o que lle permitiu recuperar máis de 40 hectáreas de terras que levaban máis de 60 anos sen ningún tipo de utilización. Así, coa axuda da Deputación puido sementar forraxe para alimentar ao gando, conseguindo reducir custes, pois agora aforra en herba, millo, alfalfa e penso. Ademais, tamén lle permitiu incrementar a cabana gandeira, pois pode ter 10 vacas máis e, finalmente, evitou multas da Xunta por ter terreos descoidados.

Santos Ramos destacou que “o Goberno da Deputación puxo en marcha a terceira edición desta programación poñendo a disposición dos agricultores e gandeiros outros 300.000 euros. Os interesados poden solicitar esta liña de axudas ata o vindeiro venres, 28 de setembro. Quero lembrar que a axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario ata 9.000 euros”.

Este investimento está dirixido a gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non están subvencionadas. Podes consultar as bases deste plan na seguinte ligazón: https://bit.ly/2Cs294b.

1.200 hectáreas recuperadas en toda a Provincia

O voceiro do Goberno da Deputación lembrou que “coas dúas primeiras edicións, o Executivo ofreceu axudas por valor de case 560.000 euros, coas que un total de 220 agricultores de toda a provincia e gandeiros lucenses puxeron en produción case 1.200 hectáreas”. A distribución destas axudas foi a seguinte:

– Na Mariña, concedéronse 20 axudas por un valor total de 45.500 euros, para poñer en produción 91,1 hectáreas.

– Na Terra Chá, concedéronse 37 axudas por un valor total de 93.200 euros, para poñer en produción 196,3 hectáreas.

– Na Comarca de Lugo, concedéronse 54 axudas por un valor total de 116.300 euros, para poñer en produción 241,2 hectáreas.

– Na Comarca da Montaña, concedéronse 61 axudas por un valor total de 128.500 euros, para poñer en produción 276,3 hectáreas.

– Na Zona Sur, concedéronse 48 axudas por un valor total de 173.500 euros, para poñer en produción 395,1 hectáreas.