Skip to main content
ActualidadeVilalba

Os cambios na ubicación dos postos da feira de Vilalba serán efectivos esta semana

Por 3 Outubro, 2018Sin comentarios

A proposta do Concello para o cambio de ubicación de parte dos postos da feira mensual será efectiva esta semana e comezara a funcionar xa de forma continuada.

O cambio consistirá na retirada de vinte postos da marxe esquerda da rúa Calvario en dirección subida, que pasarán a ocupar a praza da Constitución.

Esta decisión tomouse por motivos de seguridade, xa que a concentración de postos e de persoas podería resultar fatal nun caso de avalancha e impediría o acceso dun vehículo sanitario como unha ambulancia. Por outra banda, o alcalde, Agustín Baamonde, indicou que tamén pesaron na decisión as queixas dos veciños que unha vez o mes teñen que soportar a súa rúa completamente chea de xente e postos e con dificultade de paso.

O Concello, antes de tomar esta decisión, barallou a posibilidade de levalos á zona do campo de fútbol pola rúa Benxamín Paz e tamén ao propio campo da feira pero neste non hai espazo suficiente para acoller todos os postos que mes a mes acuden a Vilalba. “Finalmente optamos pola praza da Constitución porque hai máis espazo e ademais, desta maneira dámoslle visibilidade á feira”, explicou Baamonde.

O alcalde indicou que “hai outras opinións sobre este cambio pero cremos que é a mellor opción”. Ademais, indicou que non é unha “decisión irreversible” porque se a idea non cualla estudiaranse outras propostas.

Baamonde explicou tamén que “non quixemos quitar todos os postos do Calvario para seguir conectando as distintas partes de Vilalba a través da feira”.

OUTRAS OBRAS

O alcalde comentou tamén que esta semana acaba o prazo de presentación de plicas para as obras do ascenso da biblioteca de Vilalba e das cámaras do polígono, que están en licitación.

A primeira destas obras ten un custe de 70.000 euros e a segunda de 60.000.