Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Carlos Rodríguez, director técnico de OVICA: “Os pastores son unha especie en perigo de extinción”

Por 14 Outubro, 2018Novembro 2nd, 2018Sin comentarios

Carlos Alberto Rodriguez Rodriguez (Charli), enxeñeiro agrónomo de profesión é actualmente o director técnico de OVICA (a Asociación de criadores de ovino e caprino), que compatibiliza coa súa docencia como profesor asociado no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de
Santiago de Compostela, na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, impartindo clase aos futuros enxeñeiros/as agrónomos e de montes.

¿Carlos, cómo valoras estes máis de 5 anos dentro de OVICA, a única asociación que engloba a todos os gandeiros de ovino e cabrún de Galicia?

Sinceramente teño que confesar que supuxo un gran reto personal para min, xa que aínda que na miña última etapa formativa na Universidade me centrei no ámbito do desenvolvemento rural, non é ata o momento en que un mete os pés na terra, cando realmente se decata das dificultades que entraña profesionalizar un dos sectores máis castigado e peor tratado pola administración dentro do tecido
produtivo primario en Galicia, a través do asociacionismo e cooperativismo (Vélaro S. Coop. Galega). Despois desta traxectoria como director técnico o balance é moi satisfactorio. É curioso, pero o que máis valoro no meu ámbito laboral é o contacto cos/as gandeiros/as: a posibilidade de coñecer de primeira man os problemas que padecen, as demandas que reclaman, as eivas e metas ás que aspiran e as ilusións, gañas e esforzo que adican a todo o que fan no seu día día. Todo isto permitiu darme conta do realmente afortunados que somos como sociedade, por contar cun sector primario cheo de xente tan comprometida
no seu traballo. Tamén serviume para ser consciente da importancia que temos a nivel individual como consumidores, cando exercemos a soberanía alimentaria na decisión de mercar os nosos alimentos que producimos en Galicia fronte a outros foráneos.

Dende a constitución de OVICA no ano 1.994, os gandeiros entendían que a profesionalización do sector pasaba por comercializar e valorizar a excelente carne de cordeiro e cabrito que producimos en Galicia, grazas ás magníficas condicións climatolóxicas que favorecen o crecemento dun pasto e forraxe de excepcional calidade e aptitude para o seu pastoreo, sen depender tan directamente dos insumos externos e suplementación con pensos ou formulacións máis complexas. Tedes que ter en conta que en Galicia existen máis de 20.000 explotacións de ovino e cabrún, cunha media de 10 animais por granxa e na que a maior parte das mesmas son complemento doutras orientacións produtivas ou incluso doutras rentas de traballo dentro da unidade familiar. Non se precisan grandes investimentos para iniciar este tipo de actividade gandeira e a posibilidade de complementación de ingresos agrarios é moi común entre os nosos asociados
e cooperativistas.

Pero ese é precisamente o gran potencial do sector ovino e cabrún en Galicia, e da actividade que desenvolven os pastores/as: contan coa capacidade para converter as debilidades en oportunidades.
Como moitos/as gandeiros/as soen dicir habitualmente: “Os/as gandeiros de gandaría extensiva somos uns/unhas supervivintes, somos os/as últimos/as románticos/as do agro galego”. Eu sempre adoito dicir que, dadas as circunstancias actuais, os pastores son unha raza en perigo de extinción.

Podes atopar gandeiros que diversifican ingresos e ademais de sacar adiante a súa produción de carne de cordeiro ou cabrito, ou de leite de ovella e de cabra, tamén dispoñen de ganderías de vacún de carne, de vacún de leite, de horta, de porcino, avicultura artesanal, etc… Temos asociados tanto con ganderías de razas autóctonas, como ganderías de conxunto mestizo (a gran maioría), e tanto en produción convencional como con certificación ecolóxica (cun auxe exponencial no ovino e cabrún cárnicos
nos últimos anos).

¿Cal é o maior logro que resaltarías dentro de OVICA a nivel individual e a nivel colectivo?

A nivel individual, a primeira acción que realizamos en OVICA ao pouco de entrar foi organizar xuntanzas sectorias por comarcas para testar as necesidades do sector e as súas demandas. Despois deses dous meses de reunión, extraímos 3 conclusións fundamentais:
1. A inmensa maioría dos socios/as non queren vivir de axudas públicas, queren que se recoñeza o valor dos
seus produtos de excelente calidade, polo que traballamos a reo para que a Consellería de Medio Rural
nos recoñecera a marca de garantía “Pastores de Galicia”, coa que se garante a trazabilidade da carne de
cordeiro e cabrito do “país” criado de xeito tradicional en base ao leite materno das nais e ao pastoreo destas
nos prados e pastizais libremente.
2. Aínda que OVICA xa era unha entidade de aconsellamento, rexistrada no RESAXEGA dende o ano
2008, considerouse moi necesario tramitar o recoñecemento como entidade tramitadora da
solicitude unificada da PAC, a fin de manter un contacto máis directo co gandeiro e incidir de cheo na mellora dos índices técnico-económicos da gandería.
3. Era necesario paliar o déficit formativo ofertado por parte da Xunta de Galicia, polo que se asegurou a
organización de alomenos unha xornada técnica anual monográfica do sector ovino e cabrún, tamén se
convocaron cursos de aprendizaxe e capacitación teórico-prácticos para o desenvolvemento da actividade
como esquilador de ovellas profesional, se acreditou a asociación para a impartición de cursos de benestar
animal e de aplicación de fitosanitarios.

O máis importante é que comezamos a realizar xornadas específicas de asesoramento para mozos/as
que desexan incorporarse á actividade gandeira no rural, no eido da produción ovina e cabrúa e que non
dispoñen de ningunha alternativa formativa específica de carácter público e gratuíto, polo que rematan
acudindo a nós para poder recibir unha formación axeitada e ter a oportunidade de visitar granxas con
traxectoria no sector e xestionadas por mozos/as que tiveron que pasar polos mesmos atrancos.

Este ano xa imos pola terceira edición, e a nivel personal os rapaces/zas agradécennos e valoran moito
a axuda que lles prestamos, xa que lles sirve de introducción no sector e deste xeito poden seguir
recibindo todos os servizos que ofrecemos aos nosos/as asociados/as, e ao mesmo tempo como
asociación permitiunos incorporar a 65 novos/as gandeiros/as repartidos/as por toda Galicia, entre o
2015 e o 2017.
Foi moi gratificante e ilusionante tamén o galardón que recibimos en OVICA no 2.017, plasmado na entrega do XVII Premio ao Desenvolvemento Rural (convocatoria da anualidade 2016). É un recoñecemento de gran prestixio, outorgado pola empresa Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela – Campus Terra.
Foi un recoñecemento público a todo este magnífico traballo realizado dende OVICA nos últimos anos, e que
constituiu un enorme orgullo para todos os/as gandeiros/as que forman parte desta gran familia que é
OVICA, polos seus 25 anos que cumprirá en 2019, representando a todo un sector e loitando polos/as
gandeiros/as de ovino e cabrún en Galicia.

A nivel colectivo, sen lugar a dúbida, o maior logro é a posibilidade de dar acollida a todo o sector. Tanto na
asociación (OVICA) como na súa cooperativa Vélaro S. Coop. Galega, funcionan de xeito asambleario.
A Xunta Directiva está formada por 15 persoas: gandeiros/as das catro provincias, tanto de ovino como de
cabrún, de orientación cárnica e leiteira ou transformación queixeira, mulleres e homes, recén incoporados/as con ilusión e moito que aportar.

Tamén temos gandeiros/as cunha gran traxectoria detrás, a punto da xubilación e con moita experiencia acumulada que trasmitir ás novas xeracións. Valoro enormemente a posibilidade de ter coñecido a
todos os membros da Xunta Directiva, así como Luis Lamas (primeiro presidente de OVICA), María do Carme Fernández Carreira e Diego Fernández González (os últimos presidentes de OVICA), a Luis Ceide (actual presidente de Vélaro), a Rafael Tejeda (secretario), Isaac Losada (Tesoreiro), a Araceli Pillado (anterior presidenta de OVICA e de Vélaro e esposa de Eloi Villada, o promotor da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes-SGPF), que despertou en min o interese pola gandería extensiva e fixo que participase tamén activamente como membro fundador da SGPF e na organización das Xuntanzas Formativas de Primavera e Outono, en colaboración con OVICA. Eloi é unha fonte de coñecemento e de sabiduría,
resultado dunha vida de experiencia loitando polo desenvolvemento rural: un mestre, un amigo e un
referente para min.
Esta gran capacidade de integración permitiu ao noso entender, o maior logro no sector nos últimos 20 anos, que foi a creación en decembro de 2015 da marca de garantía “Pastores de Galicia” para o cordeiro e cabrito producidos en Galicia.

¿Cómo foi a creación da marca “Pastores de Galicia” que aglutina ao cordeiro e cabrito producidos en Galicia de xeito tradicional en base a alimentación con leite materno e ao pastoreo das nais?

A Xunta de Galicia aprobou o Regulamento de Uso e o prego de condicións da marca en Decembro de 2015,
despois de mais dun ano de duro traballo de caracterización dos métodos de crianza tradicionais en
base a sistemas de manexo extensivos e semiextensivos, cunha alimentación diaria das ovellas ou cabras
pastoreando libremente nos pastos ou mediante aproveitamento silvopastoril. A alimentación das crías
realízase únicamente co leite materno e coa posibilidade de suplementar con herba seca, ou cereais cara o final do seu período de cebo. Realmente con “Pastores de Galicia” non inventamos nada novo, plasmamos sobre o papel o xeito de producir do año e cabrito do país, criado en Galicia, cunha carne exquisita grazas ao xeito de crianza e de alimentación, que levan facendo os nosos bisavós e avós dende tempos
inmemoriais. É unha marca inclusiva, que aglutina aos produtores por un xeito tradicional e artesanal de crianza, de manexo e de alimentación, máis aló que por diferenciación de raza autóctona ou produción ecolóxica, que xa contan con seus propios selos e certificacións.

Con “Pastores de Galicia” queremos profesionalizar a todo o sector, por ese motivo non excluímos á maior parte dos produtores, senón que se lle deu acollida dentro do Regulamento de Uso da marca de garantía. Por ese motivo, na Xunta Directiva decidimos bautizar á marca co nome de “Pastores de Galicia”, de xeito que no logotipo aparecese a figura do/a pastor/a co seu can de pastoreo (o border collie, que é un membro máis da familia). É unha homenaxe moi merecida á labor silenciosa pero indispensable que as nosas gandeiras e gandeiros realizan de mantemento e xestión do territorio e da paisaxe, de vixianza fronte ás ameazas dos lumes forestais e como trashumante entre territorios veciños.

Este traballo en numerosas ocasións non é valorado de xeito suficiente polo resto da sociedade ou das
administración. Por desgracia só nos decatamos cando se dan situacións como as sufridas en outubro do ano pasado. A elevada acumulación de biomasa nos nosos montes por unha insuficiente política de limpeza e de prevención, unida a unas condicións prolongadas de seca e a unha climatoloxía especialmente adversa en canto a temperatura, humidade e vento, poden desencadear fenómenos catastróficos como os sufridos o ano pasado en Galicia e Portugal.

Éstos quedarían mitigados considerablemente se se executaran políticas reais de limpeza con brigadas
antilumes naturais de cabras e ovellas, que permiten ter desbrozado o monte durante todo o ano, xa que as
especies leñosas e herbáceas son a base da súa excelente alimentación: como a silva, o toxo, a xesta, a
folgueira, a carqueixa, o fento, etc… É unha mágoa que padecendo a problemática existente en Galicia, e tendo en conta o potencial do noso sector, a Consellería de Medio Rural non implante programas
específicos de apoio á gandería e de prevención de lumes, como teñen feito noutras partes do territorio español. O máis recente é o coñecido como “Ovella Bombeira”, posto en marcha polo governo de Castela- A Mancha en 2017 e que está dotado con máis de 50 millóns de euros. Esa iniciativa permite costear con 123 euros por hectárea xestionada con labores de pastoreo extensivo que os pequenos ruminantes realizan sobre a vexetación herbácea e leñosa non desexada, o que contribúe á prevención dos lumes forestais.

Con preto de 100 gandeiros en toda a Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha son capaces de actuar
sobre 6.600 hectáreas, alimentándose do combustible vexetal, que no caso dun lume forestal reduce
considerablemente a posibilidade de propagación do mesmo e a actuación das brigadas sen que a extinción
supoña un perigo tan grande para os operarios, ao verse mermada considerablemente a cantidade de biomasa presente no monte.

Investigacións e estudos científicos como os realizados pola Doutora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Mosquera, conclúen que limpar e alimentar o monte con gando en base a pastoreo é dez veces máis barato que rozar ese monte con medios mecánicos.

¿Cómo está sendo a acollida da marca “Pastores de Galicia” no mercado nesta primeira fase tras a súa recente creación e aprobación do seu Regulamento de uso?

A verdade é que estamos moi ilusionados e satisfeitos por como foi o recebimento da marca nos mercados nesta fase inicial. No primeiro ano de vida xa demos acollida a preto de 20 produtores/as que integraron as súas ganderías de ovino e cabrún ao Regulamento de Uso de Pastores de Galicia. Ben é certo que aínda que a maioría xa eran socios/as de Ovica e coñeciamos como traballaban e criaban os seus animais, tamén se integraron algúns novos, que deste xeito coñeceron a asociación e a cooperativa e se deron de alta con nós.

Hai que lembrar que a marca “Pastores de Galicia” é propiedade de OVICA, pero está aberta a calquera produtor sempre e cando cumpra co Regulamento de uso establecido pola Direción Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias, dependente da Consellería de Medio Rural. Son os técnicos de OVICA os encargados de realizar a certificación do selo e o mantemento da trazabilidade dos animais dende que saen da gandería ata que son distribuídos desde o matadoiro cara o seu punto final de consumo, ben sexa en venta directa, restauración ou distribución maiorista e minorista. Isto constitúe unha base sólida sobre a que poder programar a futura produción para desestacionalizar e abastecer o mercado ao longo de todo o ano a medida que aumentemos o número de clientes e lle demos acollida a máis produtores dentro da marca.

Dentro da propia Galicia, hai zonas nas que se consumen canais de animais máis pequenos (“lechal”) fronte a outras rexións con demanda de canais moito máis grandes, de ata 12 Kgs. (“recental”), ou incluso de máis tamaño (“pascual”). Por este motivo, a maior parte dos nosos clientes actuais son os chefs e restauradores de gran talento e creatividade, pertencentes ao Grupo Nove, Coruña Cociña ou a Asociación de Cociñeiros da Mariña Lucense (Alberto Prelcic, Lucía Freitas, Bruno Pena, Fran Sotelino, Alvaro Villasante, etc…) que recoñecen o valor do esforzo e sacrificio que ten cada cordeiro ou cabrito de Pastores de
Galicia que entra nas súas cociñas.

Maridan as excepcionais cualidades dos nosos produtos en pratos que realzan todos os sabores de cada un dos ingredientes. Para nós é moi satisfactorio desfrutar destas creacións, porque fainos dignificar un oficio e un xeito de vida do que estamos moi orgullosos.

O control en todo momento da crianza para asegurar a trazabilidade ata o consumidor final que nos demanda un tipo determinado de cordeiro ou de cabrito, permitiu diferenciarnos por proximidade (intentando sacrificar os animais de ganderías máis próximas ao punto de consumo) e establecer ao mesmo tempo unha relación de confianza máis directa co cliente e co restaurador.

Obviamente todo o procedemento é máis artesanal, xa que ata o máis mínimo detalle se coida durante a cadea de trazabilidade: co proceso de despece, envasado, etiquetado e transporte refrixerado ata o destino final. Esta situación motiva un encarecemento do produto final, polo que estamos a barallar distintas alternativas de cara a un futuro próximo, para que poida ser introducido en asadores, parrilladas e restaurantes a un prezo máis competitivo. Un claro exemplo representativo é o Restaurante Suso en
Castro Riberas de Lea (Castro de Rei), a quen agradecemos a súa implicación e compromiso cos nosos
produtores locais.

O que máis nos chama a atención con respecto á introducción no mercado do noso cordeiro e cabrito de
“Pastores de Galicia” son as alabanzas que recibimos dos restauradores con estrela michelín, que valoran
enormemente a posibilidade de establecer o vínculo co produtor dun xeito tan directo e certificalo mediante as vitolas que garantizan a súa procedencia de orixe. Tamén se extrañan do pouco apoio institucional que recibimos por parte da Xunta de Galicia, a pesar do esforzó que estamos a realizar para revitalizar todo o sector produtivo de ovino e cabrún.

¿Qué debilidades ou ameazas considerades que poden afectar a “Pastores de Galicia” no futuro máis próximo?

O mercado da carne en Galicia, a tódolos niveis é moi complexo. No caso do cordeiro e do cabrito se cabe aínda está máis agravado, porque non dispoñemos dunha lonxa de prezos ou un mercado de referencia sobre o que orientarnos.

Para nós isto constitúe un gran inconvinte, polo que a tendencia é empregar os valores medios de mercados
como o de Villalpando como referencia, cando o produto é totalmente distinto. O cordeiro “lechal” de Castela é un animal destetado da súa nai e alimentado con leite en pó e lactorremplazantes e sacrificado con menos de 2 meses de idade, polo que a carne é máis insípida, non aporta o mesmo sabor aos platos que pode ter calquera dos cordeiros ou cabritos de Pastores de Galicia, alimentados coa nai de xeito natural, sen forzalos e rematando o cebo cun pouco cereal como a cebada ou mestura de cereais, na maioría dos casos de produción propia das granxas (millo, trigo, centeo, etc…)

Actualmente estamos a desenvolver un proxecto de investigación no marco dun grupo operativo local, xunto
con Agaca e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), precisamente para definir os matices que lle aportan á
carne, en función do tipo de manexo e da alimentación que reciben dentro da marca.

O fin último de “Pastores de Galicia” é ofrecer uns ingresos dignos a todos/as aqueles/as rapaces/zas que
decidan apostar por este xeito de vida no rural. Pastores de Galicia é a pedra angular sobre a que profesionalizar todo un sector e o seu éxito depende en gran medida do compromiso e vontade da Consellería de Medio Rural para aplicar certas medidas que son imprescindibles para invertir a actual situación na que a produción galega de cordeiro e cabrito rolda os 428.800 Kgs sacrificados en
matadoiros, pero case 1.000.000 de Kgs se seguen a sacrificar por canles non autorizadas poñendo en risco a sáude pública.

O sector leva necesitado nos últimos 10 anos dunha aposta decicida que execute un PLAN ESTRATÉXICO que ao noso entender debe incluir varios piares fundamentais:
– 1. Os prezos que a maior parte dos matadoiros impoñen polo sacrificio de pequenos ruminantes son prohibitivos. Non podemos asumir custes que oscilan entre os 10 e 30 euros por cordeiro ou cabrito e sen contar o despiece e envasado en baleiro. Esta situación favorece que moitos gandeiros pequenos que non están na Asociación e na Cooperativa, sobre todo os menos profesionalizados, realicen o sacrificio na propia granxa sen ningún tipo de control sanitario.
– 2. A Consellería debe poñer en marcha sistemas de matadoiros móbiles, e xa que permitiría abaratar o custo da comercialización da carne, lastrada na actualidade polos gastos de desprazamento e sacrificio en matadoiros autorizados. Estes modelos de sacrificio xa están implantados en outras comunidades como Cataluña, e países como Alemania, Suecia ou Noruega.
-3. Tamén somos partidarios de que se modifique o decreto ministerial sobre sacrificio e comercialización
directa nas granxas para flexibilizar a instalación de salas de despiece compartidas entre varios gandeiros e regular o sacrificio domiciliario coa xestión e control sobre os diferentes puntos críticos nas fases de faenado, sangrado e tratamento dos subproductos e materiais de risco (xa contemplado en outros países como Francia ou Dinamarca).

As tres medidas mencionadas foron trasladadas en reunións na Direción Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias, en maio do ano 2017 e xaneiro do ano 2018, mantendo unha postura inmobilista, que non garante ningún compromiso de execución. Personalmente considero que esta falta de apoio real ao sector a tódolos niveis está detrás da constante redución de número de animais reprodutores ano a ano. Ademáis constatamos unha contínua tendencia de cambio nos hábitos de consumo que está a mudar a gran
tradición asociada ao cordeiro e cabrito coa que contabamos en Galicia nas festas familiares e eventos
fundamentalmente.

Isto débese en parte pola desconexión co rural das novas xeracións. A globalización condúcenos á irremediable introdución de alimentos transformados, cada vez máis presentes na nosa dieta, que está desprazando a ingredientes básicos da cultura culinaria galega. É unha verdadeira mágoa, porque senón hai un consumo e a poboación non fai uso da súa soberanía alimentaria dun xeito responsable, estamos a tirar pedras contra o noso propio tellado, estamos a destruir parte da nosa cultura gastronómica.

Temos que ser capaces de dotar ás novas xeracións que queiran instalarse no rural, dos instrumentos necesarios para vivir dignamente dos alimentos que producen co seu traballo. Galicia ten un potencial enorme en recursos naturais para producir carne mediante pastoreo en gandería extensiva.

A maior parte do territorio está mal ordenada, e a constante eucaliptización está invadindo superficie agraria útil, aínda cando existen enormes extensións de superficie abandonada ou improdutiva na que é rentable a introdución deste tipo de gando. Só dende a educación aos nosos fillos/as, seremos capaces de inculcarlle estos valores, ao mesmo tempo que se mellorará a súa dieta e alimentación. Actualmente neste senso, estamos a elaborar dende Vélaro S. Coop. Galega e OVICA un recetario de cociña, co apoio da Deputación Provincial de Lugo, que mestura a tradición coa innovación e a vangarda para a promoción do
consumo da carne de cordeiro e cabrito de “Pastores de Galicia” e que estimamos poida estar editado e publicado para a campaña de Nadal deste ano.

Queremos que os nosos cortes de carnes sexan atractivos para a xuventude e que descubran novas elaboracións e sabores. O futuro éxito da marca pasa en gran medida por apostar polos máis novos da casa e ofrecerlles un producto diferente, sinxelo de elaborar, divertido e de excelente calidade.

A medio prazo, e manténdonos fieles á nosa filosofía estamos na actualidade a traballar sobre a creación da
nosa propia aplicación telemática de comercio electrónico que estará operativa no primeiro trimestre de 2.020 e que ademais permitirá a programación da produción ovina e caprina de todos os gandeiros/as inscritos/as en Pastores de Galicia.

Até o de agora integramos a Cooperativa e a marca en plataformas existentes de venta directa de produtos
artesanais como o movemento Feedcoo, a quen lle agradecemos a súa paixón recíproca por dar a coñecer a
bondade da materia prima coa que contamos en Galicia.

Tamén temos en camiño a adhesión a movementos respectuosos co medio ambiente, que empregan circuitos curtos de distribución e que informan ao consumidor da reducida pegada de carbono e custe enerxético que supón a produción dun Kg. de carne de Pastores de Galicia (certificación “Slow Food”), así como a asistencia a salóns gastronómicos como o Fórum de A Coruña ou a Feira
Gourmet Etiqueta Negra.

¿Cómo valoras a túa etapa como docente na Universidade, formando aos futuros enxeñeiros/as agrónomos e de montes?

Até o de agora a miña experiencia como profesor na Universidade é reducida, pero suficiente para decatarme que hai que mellorar o nivel de formación dos futuros gandeiros e dos seus asesores. Na actualidade estase a producir un desmantelamento dos centros de capacitación agraria (Becerréa, Guísamo,
Lourizán, Monforte de Lemos, Ribadeo, e Sergude en menor medida), polo que se está a sustituir por unha
ensinanza a distancia mediante teleformación, o que ao meu parecer está restando as posibilidades de
aprendizaxe dos agricultores e gandeiros que nunca tiveron experiencia previa, nin traballaron no sector
agrogandeiro (comúnmente chamados neorurais). Temos que ser capaces de formar aos futuros xestores
das granxas, que saen da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, e dos graos de formación superior repartidos por todo o territorio galego.

Seguimos detectando un lastre secular entre a maioría dos/das mozos/as universitarios/as que proceden do rural e que aceden a carreiras técnicas de base agroforestal, un estigma social que os arrastra a un baixo nivel de autoestima pola actividade que desenvolven nas granxas familiares das que proceden e que condiciona en gran medida a toma de decisións de cara ao seu futuro. Polo xeral, son alumnos/as excepcionais pero que non desexan seguir ao fronte das explotacións agrogandeiras, prefiren buscar outras alternativas, como profesional libre ou como asalariado, incluso con salarios inferiores ás rentas que percibirían continuando co relevo xeracional polo que debemos tratar de revertir esta tendencia, dende
a nosa posición como docentes. No 2017 tiven a oportunidade de rematar a miña formación como asesor rural dentro da rede europea IGSEA, acreditada por CECRA-IALB EUFRAS, realizando unha estancia dunha semana na Cámara Agraria, no norte de Alemania, onde puiden comprobar que ao mesmo que
sucede en Francia e outros países centroeuropeos, a profesión de agricultor e de gandeiro é dignificada tanto
dende o propio ámbito rural como dende as cidades, totalmente o contrario do que sucede en Galicia.

É moi necesario que os mozos e mozas do rural adquiran pois unha maior autoestima. Dende sempre notei unha presión social moi forte á xente nova para que abandone o agro e se marche a outras actividades, cando no medio urbano e periurbano de Galicia tampouco hai moitas alternativas de traballo para a mocidade. Tratamos de organizar visitas guiadas, xornadas de transferencia tecnolóxica e mesas redondas onde poden coñecer de primeira man as iniciativas doutros enxeñeiros con proxectos emprendedores no rural. Esa actitude é a que está detrás da perda da nosa soberanía alimentaria, cando non valoramos o que somos e o que temos, non podemos pretender cambiar o modelo social de arriba cara abaixo. Temos que incidir na base, dende a educación dos máis cativos nas escolas, para motivalos e que cando cheguen á universidade ou ás escolas técnicas poidan desenvolver todas as súas
capacidades.

O rural galego ten un futuro prometedor grazas ao seu gran potencial produtivo. Debemos ser capaces de
conxugar a aplicación das políticas de desenvolvemento rural coa aposta por modelos produtivos basados na
diversificación e na complementación de diferentes orientacións produtivas e manter os servizos básicos
(educación, sanidade, servizos sociais e culturais no rural) para ofrecer as oportunidades necesarias a todos/as os/as que aposten por emprender un modo de vida no rural.