Skip to main content
Actualidade

Rematan as obras de mellora da accesibilidade nos edificios municipais das Pontes

Por 2 Novembro, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes rematou, esta semana, os traballos de mellora da accesibilidade en tres edificios públicos de titularidade municipal.

As obras, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e que se levaron a cabo no CEIP A Fraga, na Casa Dopeso e no Auditorio Municipal Cine Alovi, tiñan como obxectivo prioritario promover a igualdade, a saúde e a inclusión social na vila, axeitando as tres instalacións á normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, garantindo, deste xeito, o acceso e uso ás persoas con discapacidade.

No caso de CEIP A Fraga, o Concello de As Pontes reformou os aseos situados na planta baixa do ala leste do edificio, para crear un aseo adaptado, de 5.25m2 e unha pequena zona de almacenaxe de 2.85 m2, nun espazo ocupado, anteriormente, por un vestiario.

Na Casa Dopeso e no Auditorio Municipal Cine Alovi os traballos de mellora da accesibilidade permitiron a creación de prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida tanto no  salón de actos como no patio de butacas. A Casa Dopeso dispón, agora, de tres prazas adaptadas, con acceso frontal, cunhas dimensións de 0,80m de ancho e 1,20m de fondo, con asento anexo para acompañante mentres que o número de cadeiras adaptadas, con idénticas características, ascende a catro no caso do Auditorio Municipal Cine Alovi.

Desde o goberno local subliñan que “estas actuacións son imprescindibles para que persoas con mobilidade reducida poidan acceder, con todas as garantías, ós espazos e edificios públicos que, desde o Concello de As Pontes, tratamos de manter nas mellores condicións para asegurar o acceso a toda a veciñanza”.