Skip to main content
A PastorizaCospeitoMeiraPol TERRACHÁXA

O programa Galicia Rural Emprende apoiará cinco proxectos na Terra Chá

Por 13 Novembro, 2018Sin comentarios

O programa Galicia Rural Emprende apoiará sete novos proxectos empresariais na zona centro da provincia de Lugo promovidos por autónomos e pequenas empresas en sectores non agrarios.

A nivel local, a iniciativa suporá unha achega autonómica de  407.500 euros, que servirán de respaldo para proxectos emprendedores nos concellos de Pol, Cospeito, Meira, Portomarín, Sarria e A Pastoriza -onde se desenvolverán dúas iniciativas-, que suman un importe total de 615.800 euros.

Entre os proxectos emprendedores apoiados figuran dous de servizos forestais en Pol e Meira, dous de servizos agrícolas na Pastoriza, unha vivenda comunitaria en Cospeito, unha empresa de alugueiro de vehículos en Sarria, e un albergue en Portomarín.

Entre as actividades industriais subvencionables, todas elas non agrarias, que teñen a consideración de prioritarias nesta liña de axudas ao emprendemento están as de sectores como a artesanía, prestación de servizos sociais (escolas infantís, coidado de persoas maiores), actividades deportivas, recreativas e de lecer, o téxtil, novas tecnoloxías, arquitectura, servizos técnicos, audiovisuais, ou servizos veterinarios, entre outros.

A contía da axuda prevista neste programa vai dos 20.000 euros aos 70.000 euros. Os beneficiarios teñen dereito a obter un anticipo do 60% da axuda total que, no caso da convocatoria que nos ocupa, está previsto facer efectiva neste mes.

Con esta e outras iniciativas, intentase apoiar aos emprendedores e ás pequenas e medianas empresas, ofrecendo un amplo abano de recursos e instrumentos que melloren as posibilidades de éxito da iniciativa e a súa consolidación no mercado. Ao mesmo tempo, contribúese así a fixar poboación nas zonas rurais e aumentar as oportunidades dos seus habitantes no eido laboral, xa que logo a ela poden acollerse todos os residentes en todos os concellos lucenses salvo a zona urbana da cidade de Lugo.