Enquisa Mobilidade

Alfonso Blanco recibe o sábado o título de fillo adoptivo de Guitiriz

O crego Alfonso Blanco Torrado, fundador da asociación Xermolos, da Irmandade Manuel María da Terra Chá e do Festival de Pardiñas, entre un cúmulo de actividades culturais e sociais desenvolvidas nas últimas catro décadas, ten sido nomeado por unanimidade fillo adoptivo de Guitiriz polo plenario do Concello que preside Regina Polín. O acordo quere subliñar o labor de Alfonso Blanco Torrado nestes últimos corenta anos a prol da cultura e a sociedade da Terra Chá.

A entrega desta distinción vaise efectuar na igrexa nova de Guitiriz, nun acto público que dará comezo ás 12,00 h. do 24 de novembro, sábado, con entrada libre segundo o permita a capacidade do templo.

No acto van participar a Banda de Guitiriz, a Coral Xermolos, e o gaiteiro Raul Galego, ademais de dezaseis poetas que lerán os seus poemas na honra de Alfonso Blanco, ao que Manuel María chamou hai un cuarto de século Pregoeiro da Luz e da Alborada”.

O concello de Guitiriz, a proposta da alcaldesa, Regina Polín, acordou en sesión plenaria do pasado mes de xullo, por unanimidade, nomear fillo adoptivo do concello a Alfonso Blanco, que recibirá o título das mans da alcaldesa guitiricense e falará, respondendo a Regina Polín, para agradecer esta distinción.

Etiquetas