Skip to main content
Actualidade

CC.OO. insta ao Sergas a atender as demandas dos traballadores dos PACs

Por 6 Decembro, 2018Sin comentarios

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia apoia «todas as reivindicacións» do persoal médico e de enfermaría dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia, que continúa en folga. O sindicato esixe unha «verdadeira negociación» e insta o SERGAS a atender as peticións do colectivo, como son a xornada efectiva de 1451 horas anuais, o pagamento da totalidade dos complementos de nocturnidade e festividade —conxelados hai anos— ou a contratación estable.

CCOO-Sanidade denuncia o intento da Administración de «coar pola porta de atrás» a implantación de gardas localizadas nas fins de semana. Desde hai anos, o sindicato pide a eliminación da voluntariedade das horas extras e mesmo fixo unha reclamación en Vigo após a imposición da súa ampliación nesta área sanitaria.

Segundo CCOO, cómpre a contratación estable de profesionais, substituíndo as fórmulas tradicionais de voluntariedade ou gardas por emprego de calidade. Para Comisións, «esta é a fórmula axeitada para atraer profesionais da sanidade a Galicia» e frear a «sangría» da emigración no sector.

Por último, CCOO insta o SERGAS a convocar o comité de folga para negociar, xa que é este órgano o interlocutor legal para negociar as reivindicacións expostas na convocatoria dos paros e mobilizacións.