Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol prepara un programa de actividades para o Nadal

Por 18 Decembro, 2018Sin comentarios

O Concello de Friol celebrará este Nadal unha serie de actividades para nenos de 6 a 13 anos co obxectivo de axudar a conciliar a vida laboral e familiar nesta época do ano non lectiva.

Os obradoiros darán comezo o 26 de decembro e rematarán o 4 de xaneiro con horario entre as 11.00 e as 14.00 horas. O concello estableceu un número de prazas limitado polo que a inscrición deberá facerse antes do 18 de decembro. Os rapaces aprenderán durante este tempo distintas decoracións da época e estarán debidamente custodiados na Casa do Concello.

Tamén o día 28 de decembro haberá un taller de Nadal gratuíto de 11 a 14 horas para nenos de 3 a 5 anos. No que as prazas serán limitadas e a inscrición pode facerse ata o 24 de decembro.

Un ano máis, o sábado 5 de xaneiro de 2019 os Reis Magos de Oriente visitarán Friol para que os nenos do municipio poidan entregarlles as súas cartas e contarlles os seus desexos para o novo ano.

Desde o Concello de Friol, organizan unha gran festa no pavillón polideportivo municipal para toda a familia que comezará ás 17:00 horas.

Durante a tarde desenvolveranse diferentes actividades: inchables, xogos, globos, confetis, bolsas de sorpresas, caramelos… e música de actualidade para amenizar e por suposto o gran sorteo de agasallos moi variados como bicicletas, xogos didácticos, encaixables, libros e contos de distintas temáticas.

Ademais terán a posibilidade de fotografiarse cos Reis Melchor, Gaspar e Baltasar. E finalmente degustarase un chocolate quente e o tradicional Roscón de Reis, totalmente de balde para todos os asistentes.

Neste día expoñeranse tamén os traballos realizados nos Obradoiros de Nadal organizados polo Concello durante decembro e xaneiro, e farase entrega de premios aos seleccionados.