Skip to main content
Actualidade

Limpan tres puntos de vertido incontrolado de lixo en Castro de Rei

Por 18 Decembro, 2018Sin comentarios

Estes días remataron os traballos para a eliminación de tres puntos de vertido incontrolado no concello de Castro de Rei, unhas actuacións nas que se investiron case 80.000 euros. Elimináronse concretamente tres vertedoiros localizados nos lugares de Ludrio, Pena e Os Outeiros. O custo total das actuacións ascendeu a 78.039,77 euros.

Os traballos executados nestas zonas consistiron, basicamente, na recollida, clasificación e retirada do material acumulado e que, maioritariamente, estaba formado por residuos procedentes dos sectores da construción e demolición, plásticos, madeira, pneumáticos fóra de uso, voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos e restos de poda. Así mesmo, para poñer punto final á intervención, acometeuse a revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

O obxectivo da limpeza dos puntos de vertido incontrolado é minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados polos vertidos incontrolados, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia que é municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).