Skip to main content
Actualidade

A aposta pola industria aeronáutica leva unha nova aula de formación en Rozas

Por 27 Decembro, 2018Sin comentarios

A aposta pola industria aeronáutica leva cunha nova aula de formación en Rozas. Así o avanzaron os conselleiros durante a visita que realizaron ao CIFP As Mercedes, en Lugo, centro que imparte o ciclo superior de Mantemento Aeromecánico.

O acondicionamento deste espazo, que contará cun aula de 60m2 e un laboratorio de 90m2 e un investimento de 80.000 euros, pretende potenciar as ensinanzas de Formación Profesional de Aeronáutica deste centro lucense. “Permitirá contacto directo e un traballo conxunto entre o aeródromo e o CIFP, abrindo oportunidades para mellorar a formación dual que se imparte”, destacou o conselleiro.

Este novo proxecto é un paso máis na aposta pola industria aeroespacial, sector no que Galicia aspira a converterse nun referente. Xunto con este ciclo superior, en Galica tamén se imparte o Grao de Enxeñaría aeroespacial da Universidade de Vigo e o Máster en operación e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulado das Universidade de Vigo e Santiago. O ciclo de Mantemento Aeromecánico do CIFP As Mercedes é precisamente un exemplo da coordinación entre formación e tecido produtivo.

Desde o curso 2016/17 o CIFP As Mercedes é o único centro de Galicia que imparte o ciclo superior de Mantemento Aeromecánico, grazas á colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial ‘Esteban Terradas’ (INTA) e a empresa Actividades Aeronáuticas Lucenses.

Froito desta, os 18 alumnos titulados na primeira promoción deste ciclo superior recibiron formación conxunta nas instalacións do CIFP As Mercedes no Aeródromo de Rozas (en Castro de Rei). Do total dos 14 módulos dos que consta o ciclo formativo, 6 foron no propio centro de FP e os outros 8 –incluído o de Formación en Centros de Traballo (FCT)- nas instalacións de INTA e de Actividades Aeronáuticas Lucenses -.  No actual 2018/19 hai matriculados un total de 39 alumnos entre 1º e 2º curso.

A nova aula é unha das actuacións previstas en Rozas nos vindeiros meses e súmase á posta en marcha da primeira aceleradora aeroespacial –cuxa convocatoria está aberta ata o vindeiro 28 de febreiro- e que nas tres edicións previstas mobilizarán un mínimo de 4,75 millóns de euros para dar soporte a 19 empresas e crear 60 empregos directos; ou o parque industrial que se ubicará nas instalacións de Rozas e que, na súa primeira fase, contará cunha superficie de 31.400m2 e dispoñibilidade para 7 naves.

Polo aeroespacial de Galicia

As novas iniciativas dan continuidade ao labor desenvolvido no polo aeroespacial de Galicia, desde a súa posta en marcha en 2015. Neste tempo, o proxecto xa está mobilizando 50M€ dos 165 previstos e desenvolveu o Centro Mixto de Investigación Aerotransportada (CIAR) xunto co INTA; 21 empresas traballan en 20 proxectos dando emprego a 262 persoas a través do programa de I+D desenvolvido en colaboración con Indra e Babcock; e xa se adxudicaron 9 dos 10 contratros do programa de solucións cos que se conseguiu a participación de 8 consorcios, 19 empresas -entre elas Boeing-, e un centro tecnolóxico.

 

CIFP As Mercedes

O CIFP As Mercedes dispón dunha ampla oferta de ensinanzas de FP en réxime ordinario, con seis ciclos de grao superior, catro de grao medio, un de FP dual e outro de grao básico. Así mesmo, complétase coa impartición no réxime de adultos de dous ciclos superiores a distancia e outros dous de grao medio presenciais. Ademais, a Consellería de Educación realizou nos últimos anos un investimento de 5 millóns de euros na reestruturación e ampliación do CIFP, co fin de dotalo das instalacións necesarias (talleres, aulas, …) para as ensinanzas dos distintos ciclos formativos que foi incorporando.