As obras da rede principal de camiños da área de reestruturación parcelaria de Santo Estevo de Pol están rematadas e xa está a tramitarse o proxecto da rede secundaria.
O investimento neste proceso de reorganización territorial é de 523.500 euros, aos que hai que engadir o orzamento estimado do proxecto de camiños secundarios, que ascende a 60.000 euros. A maior parte dos fondos -uns 437.000 euros- destináronse á creación e mellora de 9,2 quilómetros de camiños que conforman a rede principal, que dan servizo ás fincas reparceladas e serven tamén para vertebrar o territorio, conectando co resto de vías municipais.
Seguese traballando coa previsión de que proximamente sexa aprobado o acordo de reestruturación, no que se determinarán os predios de reemprazo xunto cos seus novos titulares. O proceso está avanzando a bo ritmo e estase a facer un importante esforzo para axilizar tanto a execución das obras complementarias -como os accesos a fincas- como os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, os dous últimos trámites pendentes.
A reestruturación de Santo Estevo de Pol involucra a 88 propietarios e abarca 341 hectáreas de terreo, permitindo que 511 parcelas se vexan reducidas a 145 fincas, isto é nun 70%. Neste mesmo concello tiveron lugar anos atrás outros procesos de concentración, nas parroquias de Caraño, San Andrés de Ferreiros, San Martiño de Ferreiros, Santa María de Valonga, Silva – Eirón e Torneiros.