Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

O Goberno da Deputación premia un proxecto de emprendemento no rural en Rábade

Por 2 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Executivo Provincial resolveu os premios Emprendendo no Rural, a iniciativa que puxo en marcha o Goberno da Deputación para fomentar a creación de empresas na provincia, achegando 50.000 euros. Son un total de 5 os proxectos premiados, un deles de Rábadem a través desta programación que recibirán axudas económicas da Deputación de 10.000 euros, coas que a Deputación busca continuar promovendo o rural da provincia como motor xerador de emprego e riqueza. De feito, estes modelos de negocio xerarán a medio e longo prazo uns 30 novos postos de traballo en zonas rurais da provincia

López Izquierdo destacou que “dende o Goberno da Deputación amosamos o noso compromiso co rural, que non é un slogan como o de outras administracións públicas galegas, senón que se demostra con feitos e iniciativas como a que hoxe vimos de resolver. Facémolo dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, sumamente social e rural, pois entendemos que a nosa finalidade é a de mellorar a calidade de vida dos veciños aproveitando os recursos dos que dispomos”.

Neste senso, a Deputada explicou que a Xunta de Galicia vén de comunicar a retirada das súas axudas para contratar a 3 axentes de emprego e desenvolvemento local, que prestaban os seus servizos dende o organismo provincial, ademais de eliminar a posibilidade de que as Deputacións poidan convocar a praza de orientadora laboral ou concorrer aos tradicionais obradoiros de emprego. “Este é o compromiso real do Goberno Galego coa posta en valor do rural”, destacou.

“A diferenza do que fan outras administracións, dende o Goberno da Deputación apostamos polo rural coma un medio de oportunidades no que se poden desenvolver iniciativas laborais e empresariais relevantes para a economía e o desenvolvemento da provincia e recoñecendo proxectos orixinais e innovadores na nosa provincia”, destacou.

Proxectos premiados

Centro Residencial San Vicente para persoas maiores
O proxecto consiste no aproveitamento dun edificio sen uso (antigo hotel) en Rábade para un centro residencial para 53 persoas maiores en réxime interno, con ou sen dependencia, incluíndo todos os servizos necesarios para o seu benestar e a tranquilidade dos seus. A promotora do mesmo traballa desde fai máis de dez anos como arquitecta e é unha muller emprendedora.

O centro pretende ser un referente na comarca de Lugo na atención persoal, próxima e de calidade, onde o fundamental é o benestar e o coidado dos usuarios. O Centro Residencial San Vicente proporciona unha resposta efectiva á necesidade de atopar un servizo de calidade a prezos competitivos. Busca ofrecer un servizo integral aos maiors e ás súas familias, a través do modelo de asistencia baseado nas persoas.

A Inversión total para este modelo de negocio é de 300.000 euros, máis os 10.000 euros da Deputación.

Radis
Trátase dunha empresa que ofrecerá servizos de detección de Radón para, no caso de presentarse en concentracións prexudiciais para a saúde, ofrecer tamén medidas para a súa eliminación. De feito, a día de hoxe os efectos do Radón son descoñecidos para a inmensa maioría da sociedade polo que tamén desenvolverán outro tipo de acción encamiñadas á concienciación da cidadanía.

Desenvolverán ao mesmo tempo un detector deste gas para seren instalado en vivendas, empresas e edificios públicos que permitirá avisar de concentracións de Radón que ofrecerá información a tempo real con medicións automáticas. Arestora, están a decidir a localización da súa empresa que serán en zonas rurais da provincia.

A inversión iniciar é de 21.000 euros polo que poderán reinvestir na súa empresa outros 10.000 euros da Deputación.

iTechTerm
É un proxecto desenrolado por 3 rapaces universitarios, 2 veterinarios que estudan no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, a 1 enxeñeiro informático. O seu modelo de negocio consiste na instalación dun sensor subcutáneo en vacas de leite que monitoriza a evolución da temperatura dos mesmos e envía datos para seren controlados de xeito automático e remoto, a un dispositivo móbil ou a un ordenador. Isto permitirá actuar en cada animal de xeito precoz no caso de atopar algunha anomalía, detectando patoloxías habituais nos animais, ademais de ofrecer aos gandeiros unha información máis real e axeitada da cabana que dispón.

As instalacións desta empresa localízanse en Arneiro, unha pequeno núcleo rural de Cospeito, na Comarca da Terra Chá, unha das zonas da provincia que conta cun maior número de explotacións.

Trátase dunha idea que conta cun grande potencial de crecemento pois, hoxe en día, as temperaturas só poden ser detectadas cunha intervención individual de cada animal, o que fai que a recolleita desta información sexa moi laboriosa, pouco eficiente e produza intervencións veterinarias tardías.

Contan cunha inversión inicial de 20.800 euros, polo que coa axuda da Deputación de 10.000 euros, redúcese ao 50% a achega iniciar dos promotores deste proxecto.

Almazara de Aceite
Trátase dunha explotación agrícola na que se plantarán 10 hectáreas de oliveiras e se a construirá unha Almazara para a produción de aceite agroecolóxico. O modelo de negocio deste rapaz, que se establece no Concello de Taboada, busca comercializar aceite completando o ciclo produtivo: plantación, recollida, extracción, transformación e comercialización directa, co fin de facer o modelo máis rendible.

O carácter reducido desta explotación vai encamiñado a obter un aceite dunha alta calidade, a través dun produto saudable e de cercanía. Ademais, este xeito de produción fai posible a comercialización deste produto como “gourmet”, tanto polos estándares no proceso de produción como na cantidade, moi limitada en comparación con outras explotacións.

A inversión inicial para desenvolver este negocio, que arrancará no mes de xaneiro de 2019, conta cunha inversión inicial de 132.500,00€, máis 10.000 euros da Deputación.

Cantina Albergue Camiño de Santiago
O proxecto consiste na posta en marcha dunha cantina-albergue situada en As Seixas, poboación de Palas de Rei, Lugo, e promovido por unha muller emprendedora. O Camiño de Santiago Primitivo, recentemente nomeado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO atravesa esta pequena aldea e que conta cun grande número de peregrinos, uns 15.000, que deciden escoller esta ruta de peregrinación. Ao tratarse dunha poboación moi pequena, o lugar non dispón de servizos suficientes en restauración e hospedaxe privado para atender á demanda.

A intención deste novo negocio é principalmente a de ofrecer comida e aloxamento para todos aqueles peregrinos que non desexan continuar a etapa ata Melide, o seguinte núcleo con todos os servizos, que se sitúa a uns 15 quilómetros de As Seixas. Este negocio tamén permitirá revitalizar os servizos da zona, actualmente case inexistentes e motivar o desprazamento da poboación circundante a esta aldea.

Dispón dunha inversión inicial duns 160.000 euros, que se engadirán aos 10.000 do premio que ofrece a Deputación.